O uso da Internet en Galicia é practicamente universal entre a poboación máis nova, pero o avance máis destacado continúa rexistrándose entre as persoas maiores. Na franxa de idade de 65 a 74 anos, o 77,4 % utiliza Internet, o que representa un incremento do 3,5 % respecto a 2024 e de case un 39 % nos últimos catro anos. Entre 2021 e 2025 incorporáronse á Rede 72.894 galegos deste grupo de idade.
Así o recolle o informe Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2025, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), da AMTEGA, a partir dos datos da Enquisa Estrutural a Fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE), no marco do acordo de colaboración entre ambos os organismos.
Preto de 1,9 millóns de internautas na Comunidade
O estudo indica que o 94,3 % da poboación galega de entre 16 e 74 anos utilizou Internet nos últimos tres meses, o que equivale a preto de 1,9 millóns de internautas. Desde 2021 sumáronse 127.429 novos usuarios, cun ritmo de crecemento superior ao rexistrado no conxunto de España.
O smartphone mantense como o dispositivo máis empregado, utilizado polo 95,7 % da poboación. Entre os usos máis frecuentes de Internet destacan as videoconferencias, as chamadas a través da Rede e a consulta de noticias e outros contidos informativos.
Internet e equipamento no fogar
A porcentaxe de fogares galegos con acceso a Internet sitúase no 95,7 %, o que representa un total de 926.797 vivendas conectadas. Desde 2021 incorporáronse máis de 57.800 fogares. Ademais, o 90,6 % dos fogares con conexión dispón de velocidades superiores aos 30 Mbps e o 74,2 % conta con accesos de 100 Mbps ou máis.
Os fogares galegos continúan avanzando cara a un ecosistema dixital máis completo. O 80,8 % dispón de ordenador e as Smart TV están presentes no 65,2 % das vivendas, cun incremento do 10,3 % respecto a 2024 e do 49,2 % en comparación con 2021. Tamén segue medrando a presenza de dispositivos da Internet das Cousas, como os altofalantes intelixentes, que xa están presentes no 18,1 % dos fogares.
Medra o comercio electrónico e a relación dixital coa Administración
O 69,3 % da poboación galega realizou compras por Internet en 2025, un 2,8 % máis que o ano anterior. Entre os mozos de 25 a 34 anos esta porcentaxe elévase ata o 92,6 %. Pola súa banda, o 88,4 % dos internautas galegos efectuou trámites ou xestións en liña coa Administración pública.
A ciberseguridade, un reto permanente
O 17,5 % dos internautas galegos asegura ter sufrido algún incidente de ciberseguridade durante os últimos doce meses. Estes datos evidencian a necesidade de continuar reforzando a concienciación e as competencias dixitais da cidadanía.

