A tradición oral galega, a arqueoloxía do Monte Facho e a paisaxe das Illas Cíes serven de inspiración para O corvo das Cíes, un novo videoxogo creado polo escritor e xornalista Manuel Gago que xa pode xogarse de balde vía web. A proposta está dispoñible en sete linguas, entre elas galego, bretón e gaélico, e está especialmente pensada para xogar en ordenador ou portátil, aínda que incorpora un modo lixeiro para equipos menos potentes.
A historia parte dunha reinterpretación da tradición galega segundo a cal as almas dos mortos atravesan o mar para repousar nas illas do alén. Nese escenario irrompe un andazo de monstros mariños e aéreos que comezan a devorar esas almas. Para impedir a súa destrución, o deus Berobreo encomenda ao seu corvo sagrado a misión de protexelas e restaurar a orde.
O videoxogo sitúa a acción nas Illas Cíes, pero tamén recrea espazos reais da costa de Cangas como o Monte Facho de Donón e Cabo Home. Manuel Gago explica que sempre lle interesaron tanto as escavacións realizadas no Monte Facho como o culto a Berobreo, unha divindade prerromana documentada no santuario descuberto neste enclave. «Na costa pontevedresa, as illas son lugares onde van os mortos na tradición oral. Pareceume un escenario marabilloso para desenvolver unha historia fantástica inspirada nos mitos tradicionais galegos», sinala.
O autor destaca que, fronte á tendencia de moitos videoxogos a crear mundos completamente imaxinarios, preferiu construír unha aventura fantástica sobre un territorio real. A propia topografía das Illas Cíes e de Cabo Home convértese así no taboleiro da partida, permitindo aos xogadores percorrer unha versión mitificada destes espazos.
A figura protagonista é un corvo, unha ave que gozou durante séculos dunha forte presenza na cultura popular da costa galega. No relato, o animal actúa como mensaxeiro e servidor de Berobreo, encargado de conducir as almas cara ao outro mundo e de reunir un poderoso torque co que enfrontarse ás criaturas que ameazan as illas.
O personaxe de Berobreo baséase na divindade venerada no santuario do Monte Facho, en Donón. As escavacións arqueolóxicas realizadas neste enclave permitiron localizar arredor de 180 aras votivas, datadas entre os séculos II e IV, con inscricións latinas dedicadas a este deus, converténdoo nun dos conxuntos arqueolóxicos máis relevantes para coñecer a relixiosidade da antiga Gallaecia.
A aventura combina exploración, acción e elementos narrativos inspirados na tradición galega. A estética recupera referencias visuais ligadas ao patrimonio e á identidade da costa atlántica galega.
O corvo das Cíes naceu como un agasallo persoal para Roi, sobriño do autor, aproveitando a ocasión para demostrar que o imaxinario de Galicia é rico dabondo para desenvolver videoxogos atractivos.
O corvo das Cíes converte a mitoloxía galega nun videoxogo
Compartir Este Artigo
