Xreal iniciou a comercialización internacional das súas novas lentes de realidade aumentada Xreal xbx a01+, o primeiro modelo da súa nova submarca X by Xreal, coa que busca achegar este tipo de dispositivos a un público máis amplo mediante unha proposta centrada no entretemento e cun prezo de 299 euros.
As xbx a01+ preséntanse como unhas lentes ultralixeiras de 62 gramos, máis de 20 gramos por debaixo das Xreal 1S, e prescinden de elementos como as cámaras integradas para reducir peso e custos. Están deseñadas para funcionar conectadas mediante USB-C a teléfonos móbiles, tabletas, ordenadores portátiles ou consolas portátiles, converténdose nunha pantalla persoal para xogos, películas e outras aplicacións.
O dispositivo integra dous paneis micro-OLED de Sony cunha resolución Full HD por ollo, compatibilidade con HDR10, conversión en tempo real de contido SDR a HDR, taxa de refresco de ata 120 Hz e un brillo máximo de 1.600 nits. O campo de visión é de 50 graos, o que permite simular unha pantalla virtual equivalente a 147 polgadas situada a catro metros de distancia.
As lentes tamén incorporan un sistema propio de estabilización espacial da imaxe para reducir os movementos perceptibles durante o uso, aínda que renuncian ao seguimento con tres graos de liberdade presente nos modelos máis avanzados da marca. Iso impide fixar a pantalla nun punto do espazo, polo que a imaxe permanece sempre vinculada ao movemento da cabeza.
O son corre a cargo de altofalantes integrados de 9 x 20 milímetros, con catro perfís de funcionamento (3D Surround, Cinema, Whisper e Standard). Tamén desaparece o sistema de audio desenvolvido con Bose presente noutros modelos de gama superior.
Outro dos elementos diferenciadores é o deseño modular. As xbx a01+ inclúen unha carcasa frontal intercambiable con lentes tintadas e permiten substituíla por outros acabados, mesmo impresos en 3D, para personalizar o aspecto exterior.
Falamos dun modelo de lentes que prescinde da realidade aumentada para funcionar simplemente como pantalla externa, uso que realmente é moi práctico para un consumo audiovisual privado ou para gozar de experiencias inmersivas en mobilidade.
Opcións máis económicas
O seu principal problema é principalmente comercial, pois aínda que son as lentes de lanzamento máis económicas da marca, ao manter en catálogo os modelos anteriores, haberá quen opte por facerse cunhas Xreal Air 2 Pro por 249 euros ou unhas Xreal Air 2 por 199 euros, existindo incluso a posibilidade de adquirir as lentes reacondicionadas con certificación oficial por un prezo de entre 99 e 199 euros, o que é unha grande oportunidade para quen quere introducirse neste formato de pantalla persoal.
Vídeo promocional das novas lentes de Xreal
