O director do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, Manuel González Penedo, participou a pasada semana na xornada de clausura do proxecto europeo ATEMPO (Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias), celebrada en Porto, onde interveu nunha mesa redonda dedicada a analizar o papel da innovación e da cooperación entre países na xestión de emerxencias.
O encontro puxo o ramo a catro anos de traballo conxunto entre Galicia, Castela e León e o norte de Portugal para reforzar a prevención, a coordinación e a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia mediante protocolos comúns, formación especializada e o desenvolvemento de novas ferramentas tecnolóxicas.
Durante a mesa redonda, Manuel González Penedo abordou as posibilidades que ofrecen a intelixencia artificial e as tecnoloxías dixitais para mellorar a xestión de emerxencias, compartindo a experiencia da UDC e do CITIC no desenvolvemento de solucións innovadoras orientadas a facilitar a toma de decisións, optimizar a coordinación entre organismos e aumentar a capacidade de anticipación ante situacións de risco.
A xornada de clausura contou tamén coa participación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, quen destacou “a cooperación transfronteiriza como un elemento clave para afrontar desafíos comúns como os incendios forestais, as inundacións ou os fenómenos meteorolóxicos extremos”. Tamén asistiron representantes das entidades socias do proxecto e responsables institucionais de España e Portugal.
ATEMPO, liderado pola Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), contou cun investimento de 4,8 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia achegou 2 millóns, e foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
A Universidade da Coruña participou como unha das sete entidades socias do proxecto, contribuíndo ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas avanzadas para mellorar a interoperabilidade dos sistemas de protección civil e a resposta coordinada ante emerxencias. Entre os resultados acadados destacan ferramentas baseadas en intelixencia artificial, sistemas de apoio á decisión, mapas de isócronas e tecnoloxías de análise de datos orientadas a optimizar a actuación dos servizos de emerxencia.
O CITIC lembra que as accións desenvolvidas no marco de ATEMPO benefician directamente a máis de 570.000 habitantes do territorio transfronteirizo entre Galicia, Castela e León e o norte de Portugal, consolidando un modelo de cooperación que poderá servir de referencia para futuras iniciativas europeas no ámbito da protección civil e da xestión de riscos.
O CITIC comparte a súa experiencia en IA aplicada ás emerxencias na clausura de ATEMPO
Compartir Este Artigo
