A CEO (Confederación de Empresarios de Ourense) clausurou esta semana a primeira edición do seu programa formativo de intelixencia artificial aplicada á xestión de asociacións empresariais, un proxecto pioneiro dirixido ás persoas que xestionan e administran as entidades de empresas do ámbito sectorial ou comarcal.
Seis asociacións da provincia de Ourense participaron neste programa de capacitación dixital para xerentes de entidades impulsado pola CEO no marco da iniciativa ExportOU, con apoio da Deputación de Ourense. As entidades de Cortegada, Valdeorras, Verín, Celanova e Xinzo de Limia foron as participantes de ámbito comarcal, ás que se sumou a asociación de autónomos da provincia.
As xerentes destas asociacións aprenderon, ao longo de seis obardoiros prácticos, a incorporar ferramentas de intelixencia artificial a tarefas cotiás como a redacción de actas e comunicacións, a organización documental, a xestión económica e a captación de socios, co obxectivo de liberar tempo para dedicalo ás persoas e aos proxectos.
Todas elas expuxeron de primeira man as súas experiencias na realización desta iniciativa formativa piloto, que lles facilitou avances na xestión diaria das asociacións. As participantes destacaron “a gran oportunidade que supuxo esta formación no seu día a día, pero sobre todo a comunidade que se formou, un espazo permanente de colaboración, intercambio de experiencias e acompañamento entre asociacións empresariais”, ao que a CEO quere dar continuidade en próximas edicións.
A benvida correu a cargo de David Martínez, presidente da CEO, quen destacou o carácter transformador desta iniciativa, que ‘empezou formando a persoas e termina formando unha comunidade de xerencias e asociacións que continuará compartindo e enriquecendo esta aprendizaxe’.
Consuelo Verdú, directora académica do programa formativo, interveu tamén para explicar a evolución das participantes e o desenvolvemento dos obradoiros, así como o impacto do programa e as áreas traballadas: estratexia, gobernanza, asociados, finanzas, subvencións e mercadotecnia e comunicación.
Verdú, que se axudou para presentar os resultados dun asistente virtual creado para a ocasión, destacou que “a intelixencia artificial non vén substituír a quen xestiona unha asociación, senón a que deixe de facer tarefas repetitivas para centrarse no que de verdade importa”. A súa intervención completárona as seis participantes no programa, xerentes e presidentas das distintas entidades: Fátima Moreira -Cortegada-; Diana Edreida, -profesionais autónomos-; Raquel Rodríguez, -Valdeorras-; Andrea González -Celanova-, Concepción Ojea -Xinzo de Limia- e Beatriz Duarte -Verín-.
O acto de clausura e entrega de diplomas contou coa intervención de Luis Menor, presidente da Deputación, quen subliñou que “o noso principal investimento é nas persoas, non só na tecnoloxía”, poñendo o foco na capacitación das xerencias das asociacións empresariais e destacando o valor do programa como investimento no capital humano do territorio.
A CEO clausura a 1ª edición do seu programa de IA para asociacións empresariais
Compartir Este Artigo

