A Comisión Europea aprobou un acto delegado que amplía as excepcións ás obrigas de extraibilidade e substitución das baterías portátiles establecidas polo Regulamento europeo sobre baterías. A medida incorpora seis novas categorías de produtos ás que non se lles aplicará a esixencia de que os consumidores poidan retirar e substituír directamente a batería, sempre que esta poida ser substituída por profesionais independentes.
O regulamento comunitario establece como regra xeral que as baterías portátiles dos produtos comercializados na Unión Europea deben poder retirarse e substituírse facilmente. O obxectivo é prolongar a vida útil dos dispositivos, facilitar a súa reparación e favorecer a reciclaxe mediante unha recollida máis eficiente das baterías ao final do seu ciclo de vida.
Ata o de agora xa existían excepcións para determinados equipos nos que a extracción directa podería comprometer a seguridade ou a funcionalidade, como dispositivos médicos e aparellos que funcionan habitualmente en contacto coa auga (caso dos cepillos de dentes eléctricos ou os irrigadores bucais).
A nova normativa incorpora seis categorías adicionais de produtos exentos. Entre elas figuran os wearables, como reloxos conectados e pulseiras de actividade, os xoguetes eléctricos e os equipos regulados pola directiva ATEX, destinada a maquinaria para atmosferas potencialmente explosivas, como motores, sensores, bombas ou carretillas elevadoras con protección fronte a explosións.
No caso dos wearables a norma detalla que os trebellos que non estarán obrigados a facilitar que a súa batería poida ser substituída polo usuario de xeito serán os que pola súa natureza, tamaño ou forma estean considerados demasiado cativos para facilitar o seu cambio de batería, ou tamén os que estean selados para manter a súa integridade funcional, incluíndo a súa protección contra po e golpes.
Xunto co acto delegado, a Comisión Europea tamén actualizou as directrices de aplicación do regulamento para ofrecer aos fabricantes orientación sobre a interpretación e aplicación destas novas excepcións.
O texto será remitido agora ao Parlamento Europeo e ao Consello da Unión Europea para o seu exame. Entrará en vigor vinte días despois da súa publicación no Diario Oficial da Unión Europea, sempre que ningunha das dúas institucións presente obxeccións durante o período de control.
A elaboración desta modificación partiu dunha convocatoria aberta en 2025 para identificar produtos candidatos a novas excepcións. O proceso incluíu consultas con asociacións de consumidores, representantes da industria, Estados membros e expertos independentes, que avaliaron a viabilidade técnica das solicitudes presentadas.
Bruxelas asegura que a proposta busca equilibrar os intereses dos consumidores, dos servizos de reparación independentes, dos fabricantes de dispositivos e baterías e do sector da reciclaxe. Ao mesmo tempo, lembra que a eliminación incorrecta das pequenas baterías de ión-litio está a provocar un incremento dos incendios nas plantas de tratamento de residuos, un factor que tamén se tivo en conta á hora de decidir que produtos podían beneficiarse destas excepcións.
Boa parte dos wearables záfanse da normativa europea de baterías substituíbles
Compartir Este Artigo
