Xbox e The Coalition ofreceron novos detalles sobre a versión para PC de Gears of War: E-Day, que contará cunha estreita colaboración con nVIDIA para optimizar o rendemento e incorporar as súas tecnoloxías gráficas máis avanzadas. O estudio asegura que o obxectivo é ofrecer a entrega da saga máis ambiciosa desde o punto de vista técnico, mantendo unha experiencia de alta calidade tanto en consolas como nun amplo abano de configuracións de PC.
Desenvolvido con Unreal Engine 5 e DirectX 12, Gears of War: E-Day aproveitará funcións avanzadas de renderizado como o trazado de raios por hardware, xunto con diversas tecnoloxías RTX de nVIDIA para mellorar a iluminación, os escenarios e o nivel de detalle. Estas características buscan reforzar a atmosfera escura e cinematográfica do xogo durante os acontecementos do Emergence Day, momento no que se sitúa esta precuela da franquía.
Mike Perzel, responsable de renderizado en The Coalition, explica que «Gears of War: E-Day estase a desenvolver para ofrecer un regreso cinematográfico, visceral e tecnicamente ambicioso ás orixes da franquía». Engade que, ao estar baseado en DirectX 12, «o noso foco está en ofrecer unha gran experiencia tanto en consola como en PC» e considera que a colaboración con nVIDIA permitirá mellorar o rendemento, a capacidade de resposta e a calidade visual que esperan os xogadores de PC.
Entre as tecnoloxías confirmadas figura a integración de nVIDIA DLSS 4.5 con Dynamic Multi Frame Generation e Super Resolution, ás que se suma nVIDIA Reflex para reducir a latencia e mellorar a resposta aos controis. Esta combinación permitirá incrementar a taxa de fotogramas mantendo unha elevada calidade de imaxe.
A optimización non se limitará ao hardware de nVIDIA. Gears of War: E-Day tamén será compatible con AMD FSR, Unreal Engine TSR, Intel XeSS e a tecnoloxía Advanced Shader Delivery (ASD) nos equipos compatibles.
ASD permitirá distribuír shaders precompilados xunto co xogo, reducindo de forma significativa os tempos de carga e eliminando as interrupcións provocadas pola compilación inicial de shaders.
Vídeo no que amosan as tecnoloxías de nVIDIA no xogo
