Tras anos de decadencia dunha das marcas máis prometedoras no mercado da telefonía móbil, as novas que apuntaban a que esta mesma semana OnePlus diría adeus ao mercado europeo confírmanse, comunicándose publicamente que OnePlus non lanzará ningún novo produto nin en EE.UU. nin en Europa, aínda que mantendo os compromisos de garantía e soporte.
Para poder recibir un mellor soporte a longo prazo, os produtos de OnePlus equipados con OxygenOS realizarán unha transición a ColorOS (o sistema operativo de Oppo) nos vindeiros meses, facilitando así a incorporación de novas prestacións.
A longo prazo a marca só manterá a súa actividade na China, onde está previsto que lancen o OnePlus 16, que quedaría fóra dos mercados internacionais.
Con este cambio estratéxico, a marca de smartphones do grupo chinés que se manterá con forza en Europa será Oppo, mantendo tamén a marca Realme, máis centrada en dispositivos económicos, e que tamén experimentaría cambios como o sistema operativo dos seus dispositivos, que tamén pasaría de Realme UI a ColorOS, unificando o software de sistema do fabricante. Curiosamente a marca Realme deixará de operar na China.
Nos vindeiros meses veremos como evolucionan as marcas, pero inicialmente dá a impresión de que Oppo manterase como a grande marca do grupo, mentres que para dispositivos máis económicos estará OnePlus na China e Realme no resto do mundo.
Non teremos novos móbiles de OnePlus en Europa
Compartir Este Artigo
