O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo fixo balance da actividade xerada polo proxecto de divulgación científica Alerta Verde, financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), que concluíu a súa primeira etapa tras achegar a ciencia a preto de 3.500 persoas en toda Galicia.
A axenda incluíu visitas a decenas de centros educativos e a participación en feiras científicas, co fin de “permitir que centos de mozos e mozas se achegasen por primeira vez á investigación, descubrisen o rol da enxeñaría na construción dun futuro sustentable e comprendesen que a ciencia forma parte das solucións a moitos dos retos que afectan á vida cotiá da sociedade”, informou o CINTECX.
O principal eixe do proxecto foi o Tour Alerta Verde, que percorreu as catro provincias galegas e permitiu formar máis de 700 estudantes de ESO e Bacharelato a través dun videoxogo educativo no que debían resolver distintos desafíos científicos e tecnolóxicos para “salvar o seu centro educativo”.
A isto sumouse unha xornada híbrida celebrada nas instalacións de CINTECX, na que máis de 134 estudantes percorreron laboratorios e infraestruturas de investigación en formato escape room.
A programación completouse, ademais, coas actividades organizadas durante as Xornadas de Portas Abertas da Escola de Enxeñería Industrial e coa presenza en feiras como Ponteciencia, Val Miñor é Ciencia, A Ciencia que Vén ou o Feelant Summit, onde tamén se exhibiron os pósteres científicos elaborados polo alumnado participante.
A experiencia transcendeu ademais o ámbito autonómico coa súa presenza no congreso internacional SciComPt 2026, contribuíndo a dar a coñecer a iniciativa entre profesionais da divulgación científica e público procedente de Portugal.
“A combinación de xogo, divulgación científica e interacción directa co persoal investigador permitiunos achegar conceptos complexos dunha maneira accesible e motivadora”. Así o destaca Paloma Pérez Fernández, profesora do IES Castro de Vigo, quen define a iniciativa como “unha bombona de osíxeno”. Nesta liña, sinala que o proxecto supuxo “unha motivación para o alumnado, convertendo materias especialmente complexas nunha experiencia lúdica que xerou ganas de seguir ampliando coñecementos”.
Un balance semellante realizan Alba Giráldez e Lea Melón, técnicas de apoio á investigación do centro da UVigo e responsables de coordinar o percorrido da iniciativa por toda Galicia. “Dous meses de ruta sen parar deixan un cansazo tremendo, pero tamén o orgullo de ter espertado e inspirado vocacións científicas xogando a Alerta Verde”, explican.
Para ambas as dúas, un dos maiores logros foi comprobar de primeira man a resposta do alumnado. “Coordinar o tour polas catro provincias galegas foi un reto esgotador, pero ver ao alumnado aprender a través do videoxogo e das actividades de divulgación fai que cada quilómetro pagase a pena”, destacan.
Aínda que o tour xa rematou, os recursos creados permanecerán a dispor da comunidade educativa e para calquera persoa interesada en descubrir como a ciencia axuda a afrontar os desafíos ambientais e enerxéticos do presente e do futuro. O videoxogo desenvolvido no marco do proxecto seguirá accesible a través da páxina web de CINTECX, permitindo que novas persoas poidan continuar xogando ao escape room e enfrontarse aos retos formulados durante esta primeira etapa.
Alerta Verde foi unha realidade grazas á Convocatoria de Axudas para o Fomento da Cultura Científica e da Innovación 2026 da FECYT e á Axuda para a Estrutura, a Mellora e o Apoio aos Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS), co-financiadas por fondos europeos no marco do programa operativo FEDER Galicia 2021-2027.
O videoxogo de divulgación científica de Alerta Verde (CINTECX) chegou a máis de 700 estudantes
Compartir Este Artigo
