A Casa das Ciencias, no marco da programación de actividades impulsada polo Concello da Coruña de cara á eclipse do día 12 de agosto, está a ofrecer no planetario sesións inmersivas do documental 3CLIPSE, unha produción creada para achegar ao público ao que é, en palabras do Concello, “un dos fenómenos astronómicos máis extraordinarios das vindeiras décadas: as tres eclipses solares que serán visible desde a Península Ibérica nos anos 2026, 2027 e 2028”.
O programa consta de dúas sesións diarias, con case 160 prazas dispoñibles entre ambas as dúas: unha sesión ás 13.00 horas (en castelán) e outra ás 19.00 (en galego) -os días 25 de xullo e 29 de agosto non se ofrecerá a sesión en castelán-. O espectáculo estará dispoñible ata o próximo 31 de agosto.
O filme foi estreado o pasado 26 de xuño de forma simultánea a outros trinta e cinco planetarios, museos e centros de ciencia de España e Portugal.
“A nosa cidade vai ser un lugar privilexiado para presenciar esta histórica eclipse. Por iso, desde o Goberno municipal, quixemos aproveitar a ocasión para reforzar as nosas accións educativas e divulgativas para facer deste acontecemento algo inesquecible”, apuntou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
3CLIPSE é un proxecto coordinado polo Museo Elder de la Ciencia y la Tecnología (Las Palmas de Gran Canaria) e coproducido polo Concello da Coruña a través dos Museos Científicos, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O filme, dirixido por Fernando Jáuregui, conta coa participación do estudo de animación coruñés Antaruxa e os técnicos dos Museos Cientificos Bibiana García Visos (produción) e Marcos Pérez Maldonado (guión).
A produción combina divulgación científica, narrativa visual e emoción para ofrecer unha experiencia inmersiva pensada para público a partir de dez anos.
O argumento
A través da historia dunha nena e a súa avoa, o programa acompaña á audiencia nunha viaxe pola relación entre o ser humano e un dos fenómenos máis espectaculares do ceo. 3CLIPSE convida a descubrir como se producen as eclipses, que significaron para distintas culturas ao longo da historia e por que seguen espertando fascinación en pleno século XXI.
Alén do programa do planetario, a iniciativa pon ao dispor do público na súa web unha exposición descargable, unha guía didáctica, vídeos divulgativos e diversos recursos educativos.
A Casa das Ciencias ofrece case 160 prazas diarias para asistir ao documental inmersivo 3CLIPSE
Compartir Este Artigo
