Bethesda Game Studios publicou unha carta aberta na que debulla a súa folla de ruta para os vindeiros anos, confirmando o desenvolvemento de novas entregas e remasterizacións das súas principais franquías. O estudio asegura que está a reforzar a colaboración entre equipos, investindo na evolución do seu motor gráfico e ampliando o peso das creacións da comunidade, mentres mantén como principal prioridade o desenvolvemento de The Elder Scrolls VI.
A mensaxe tamén achega novidades sobre Fallout, Starfield e o futuro da tecnoloxía Creation Engine, ademais de confirmar varios proxectos que levaban tempo sendo obxecto de rumores.
Starfield seguirá recibindo contidos durante os vindeiros anos. Bethesda destaca que o xogo supera xa os 17 millóns de xogadores, que acumularon preto de mil millóns de horas de xogo. Durante o seu terceiro ano de vida chegarán novas historias, melloras na xogabilidade e actualizacións, antes da estrea de novo contido relacionado cos Starborn en 2027. Máis do 40 % dos usuarios xa empregan Creations para personalizar a experiencia, polo que o estudio continuará investindo nesta plataforma.
As ferramentas de creación de contidos tamén seguirán ocupando un lugar destacado na estratexia do estudio. Bethesda lembra que leva ofrecendo este tipo de utilidades desde The Elder Scrolls III: Morrowind e sinala que a expansión de Creations a Fallout 4 completa a súa presenza nos seus principais xogos actuais. Segundo os datos facilitados, os autores destas creacións xa percibiron máis de 10 millóns de dólares en dereitos polo seu traballo.
A franquía Fallout recibe boa parte da atención na carta. Bethesda confirma que Fallout 5 continúa sendo o seu gran obxectivo a longo prazo, aínda que actualmente permanece en fase de preprodución. Mentres tanto, hai varios proxectos da saga en desenvolvemento.
Entre eles figura a expansión Raven Rock para Fallout 76, prevista para o próximo ano. Trátase dunha historia ambientada antes dos acontecementos de Fallout 3. O xogo en liña acumula xa preto de 70 actualizacións gratuítas e continúa reunindo millóns de xogadores.
O estudio tamén destaca que Fallout 4, coincidindo co seu décimo aniversario, supera os 35 millóns de copias vendidas. Ademais, confirma oficialmente que está a traballar nas remasterizacións de Fallout 3 e Fallout: New Vegas, aínda que sen anunciar unha data de lanzamento.
A saga seguirá medrando tamén fóra dos videoxogos. Fallout Shelter, que supera os 250 millóns de xogadores, incorporará novas tempadas, mentres que Amazon Studios e Kilter Films preparan un programa televisivo sen guión baseado no universo do xogo. Bethesda tamén felicita a ambas as produtoras polas dez candidaturas aos premios Emmy obtidas pola segunda tempada da serie Fallout e confirma que a terceira xa está en produción.
A celebración do trixésimo aniversario da franquía terá lugar en 2027 cun evento presencial en Washington D.C., polo que este ano non haberá unha retransmisión tradicional do Fallout Day.
Outra das novidades destacadas é a colaboración con Obsidian Entertainment. Bethesda confirma que ambos os estudios traballan conxuntamente nun novo proxecto ambientado no universo Fallout, aínda que por agora non ofrece máis detalles.
Tamén se anuncia unha colaboración máis estreita con ZeniMax Online Studios para coordinar o futuro de The Elder Scrolls. O equipo responsable de The Elder Scrolls Online continuará desenvolvendo novo contido para o MMO, pero pasará a colaborar máis directamente con Bethesda Game Studios no conxunto da franquía.
Desde o punto de vista tecnolóxico, Bethesda revela que tanto The Elder Scrolls VI como Fallout 5 están a desenvolverse sobre Creation Engine 3, unha nova versión do seu motor que leva evolucionando desde o lanzamento de Starfield. Esta plataforma común está deseñada para permitir que varios equipos traballen simultaneamente en distintos proxectos, incorporando novas ferramentas, sistemas e tecnoloxías de representación gráfica.
O estudio insiste en que The Elder Scrolls VI concentra actualmente a maior parte dos seus recursos de desenvolvemento. Bethesda lembra que Skyrim superou os 65 millóns de copias vendidas e recoñece que a espera pola súa continuación foi moi longa. A pesar diso, asegura que o proxecto avanza segundo a planificación prevista e afirma que o equipo está satisfeito co seu estado actual, ata o punto de que xa o xogan a diario.
A carta conclúe reafirmando o compromiso de Bethesda Game Studios co futuro de Fallout, The Elder Scrolls e Starfield, mediante investimentos en tecnoloxía, unha maior integración entre os seus equipos, soporte continuado para os xogos en activo e a expansión destas franquías a novos formatos de entretemento.
Bethesda confirma que ten numerosos proxectos activos
Compartir Este Artigo
