O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, visitou esta mañá, no CIFP Universidade Laboral de Culleredo, o set onde se desenvolve a rodaxe da película Dímelo con besos, produción de Vaca Films para a plataforma de streaming de Amazon, Prime Video, e que conta co apoio de 300.000 euros por parte da Xunta de Galicia a través da convocatoria de 2026 do fondo para a atracción de rodaxes á nosa Comunidade.
Trátase dunha liña de axudas baixo a cal tamén se cofinanciaron Dímelo bajito e Dímelo en secreto, primeira e segunda parte, respectivamente, da triloxía baseada nas novelas homónimas de Mercedes Ron.
Dímelo bajito xa está dispoñible en Prime Video e Dímelo en secreto chegará en datas vindeiras á devandita plataforma de streaming.
Dímelo con besos, con Denis Rovira na dirección e con Jaime Vaca no guión, está interpretada nos papeis principais por Alicia Falcó (Kami), Fernando Lindez (Thiago) e Diego Vidales (Taylor). Repítese así o trío de amigos protagonista das anteriores entregas para esta adaptación audiovisual da terceira novela da triloxía Dímelo, escrita pola autora arxentina-española Mercedes Ron e convertida nun fenómeno editorial xuvenil en España e Latinoamérica, con máis de dous millóns de libros vendidos e publicados tamén nos Estados Unidos de América, Francia, Alemaña, Italia, Portugal, Polonia, Romanía e Rusia.
Jacobo Sutil, que compartiu a visita con Borja Pena, produtor executivo de Vaca Films, e con María Contreras, responsable de Películas e Series Españolas de Prime Video & Amazon MGM Studios, puido coñecer de primeira man o avance dos traballos deste novo título, que, segundo sinalou o director de AGADIC ,”volve confirmar a capacidade do sector audiovisual galego e dos seus profesionais para participar en proxectos a través de alianzas estratéxicas para chegar a amplas audiencias internacionais”.
A filmación, que arrancou o pasado 29 de xuño, continuará ata mediados de agosto en varias localizacións da cidade da Coruña e doutros concellos da provincia, tales como Pontedeume, Cabanas ou As Pontes de García Rodríguez, ademais de Ourol, en Lugo, e de Xixón, en Asturias.
Jacobo Sutil visita o set de Dímelo con besos, que produce Vaca Films e que se poderá ver en Prime Video
Compartir Este Artigo

