Samsung presentou en Londres a súa nova liña de dispositivos Galaxy, unha xeración que expande o ecosistema da compañía en tres direccións: smartphones encartables de alto rendemento, smartwatches con capacidades biométricas avanzadas e unhas gafas intelixentes que integran asistencia contextual en tempo real. A marca surcoreana reforza así a súa aposta pola IA axéntica e polos formatos híbridos, apoiándose en novas arquitecturas de procesado, pantallas máis resistentes e sensores de precisión clínica.
Nova xeración de encartables
A oitava xeración de encartables chega con tres modelos diferenciados: Galaxy Z Fold8, Galaxy Z Fold8 Ultra e Galaxy Z Flip8. Todos comparten a nova estrutura Flex Titanium, unha combinación de película e placa de titanio que reduce o grosor, mellora a resistencia ao impacto e diminúe a visibilidade do pregue co paso do tempo.
O Samsung Galaxy Z Flip8 supón unha actualización continuísta, que chega cun peso de 180 gramos e queda en só 6,1 mm ao despregar, converténdose no Flip máis fino e lixeiro. A nova FlexWindow de 4,1 polgadas funciona como unha interface exterior impulsada por IA, con acceso directo a Now Brief, automatización con Gemini Intelligence e accións rápidas sen abrir o dispositivo.
A cámara principal é de 50 Mpíxeles con ProVisual Engine, e o formato Flip permite ángulos flexibles, selfies en pantalla exterior e modos como Horizontal Lock para estabilización avanzada en vídeo. Chegará ao mercado dentro dun par de semanas a un prezo oficial de 1.299 euros para o modelo con 12 TB de RAM e 256 GB de almacenamento (1.499 euros para o modelo con 512 GB).
Como evolución dos anteriores Z Fold chega agora o Samsung Galaxy Z Fold8 Ultra, que co apelido Ultra quere deixar claro que estamos ante o modelo máis completo da gama.
A pantalla principal de 8 polgadas ofrece un espazo de traballo pensado para multitarefa intensiva, e o grosor queda en só 4,1 mm ao despregar o dispositivo. O sistema de cámaras inclúe un sensor principal de 200 Mpíxeles con HDR en modo de alta resolución, unha ultra gran angular de 50 Mpíxeles e vídeo 8K con códec APV e Cine LUT para control cinematográfico de cor. Tamén conta cun teleobxectivo óptico de 3x de 10 Mpíxeles.
A batería ascende a 5.000 mAh (grazas á incorporación da tecnoloxía de Silicio Carbono que Samsung resistíase a integrar pese a estar moi avanzada entre os seus competidores chineses), con carga rápida de 45 watts e unha nova arquitectura de distribución enerxética. A refrixeración mellórase cunha estrutura de grafito ampliada para manter o rendemento en tarefas de IA e edición de vídeo.
Este novo encartable de alta gama tamén chegará nun par de semanas, aínda que o seu prezo é bastante máis elevado con prezos que van dende os 2.199 euros do modelo con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento ata os 2.799 euros do modelo con 16 GB de RAM e 1 TB de almacenamento.
A grande novidade deste ano sería o Samsung Galaxy Z Fold8, que adoptaría un formato menos alto, na liña do que se supón que será o vindeiro iPhone encartable. Pesa só 201 gramos (o Fold máis lixeiro ata agora) e incorpora un procesador Snapdragon 8 Elite Gen 5 for Galaxy e unha batería de 4.800 mAh, pensada para sesións prolongadas de lectura, vídeo e xogo. A pantalla exterior adopta unha relación 10:16, optimizada para interaccións rápidas, mentres que a interior 4:3 está deseñada para lectura e consumo de contidos longos. O brillo máximo chega aos 3.000 nits, con Vision Booster e baixa reflectancia para exteriores.
No apartado fotográfico, integra dúas cámaras de 50 Mpíxeles con estabilización e enfoque avanzado (ou sexa, que prescinde do teleobxectivo), ademais de ferramentas como Grabación dual e My FanCam, que automatiza o seguimento de suxeitos en vídeo.
Esta nova versión compacta tamén supón un importante aforro, cun rango de prezos que vai entre os 1.999 e os 2.599 euros, ou sexa, que custaría 200 euros menos que o seu irmán maior, aínda que a escolla entre dispositivos dependería máis do uso que vaia facerse dos mesmos que ao seu prezo.
Novos reloxos Galaxy Watch
A nova xeración de smartwatches chega con melloras significativas en autonomía, precisión biométrica e resistencia.
O Galaxy Watch Ultra2 integra unha batería de 800 mAh, un aumento do 35% respecto á xeración anterior, e a plataforma Snapdragon Wear Elite, que mellora a velocidade e a precisión do GPS de dobre frecuencia. A pantalla acada 5.000 nits, converténdose no smartwatch máis luminoso do mercado segundo Samsung.
A resistencia é de nivel profesional: IP69K, 10 ATM e certificación EN 13319 para instrumentos de mergullo. O reloxo pode rexistrar automaticamente profundidade, duración e temperatura da auga, e contará cunha aplicación de mergullo desenvolvida xunto a Mares.
Nos deportes ao aire libre, destaca a función Carreira de montaña, que mide progresión, altimetría e impacto do terreo, e Nutrition Alert, que estima a perda pola suor e recomenda hidratación en tempo real.
Pola súa banda, o Galaxy Watch9 aposta por un deseño máis lixeiro, marco de aluminio e correas suaves intercambiables. A pantalla chega aos 3.000 nits, e a batería de 390 mAh permite seguimento continuo de actividade e sono.
Ambos modelos comparten o sensor BioActive e unha nova capa de métricas de saúde baseadas en IA: detección de apnea do sono con autorización da FDA, puntuación cardiovascular, carga cardiovascular diaria, índice de condición física e alertas de constantes vitais durante o descanso nocturno.
Novas lentes con IA
Samsung amosou tamén unhas lentes con IA desenvolvidas xunto a Gentle Monster e Warby Parker. Integran unha cámara para contexto visual, autonomía de ata nove horas e a plataforma Snapdragon AR1 Gen1, optimizada para interaccións en tempo real nun formato ultracompacto.
As lentes permiten resumir mensaxes, traducir en directo, ofrecer indicacións baseadas na localización, capturar contido visual para organizalo en Notas e compartir en chamadas o que o usuario está vendo, todo mediante interacción táctil, voz ou xestos a través doutros dispositivos Galaxy conectados.
Está previsto que as lentes cheguen ao mercado no outono, descoñecéndose polo momento como será a súa distribución internacional, pois non podemos esquecer que as marcas escollidas por Samsung para as monturas apenas teñen presenza en Europa.
Vídeo co Galaxy Unpacked de Samsung no que presentaron os novos encartables da marca surcoreana
