
LEGO ampliará o seu catálogo de produtos inspirados en Nintendo o vindeiro 1 de agosto coa chegada da Máquina recreativa de Donkey Kong, un set para adultos que recrea o clásico arcade de 1981 cun mecanismo funcional que permite lanzar barrís de maneira continua e facer que Jumpman (o personaxe que máis tarde pasaría a chamarse Mario) os esquive mediante un mando e un botón de salto.
O novo modelo, que xa pode reservarse por un prezo de 169,99 euros, está composto por 1.367 pezas e mide aproximadamente 39 centímetros de alto, 27 de ancho e 15 de fondo. Preséntase como unha peza de exposición pensada para coleccionistas e afeccionados aos videoxogos retro, aínda que tamén incorpora elementos interactivos que reproducen parte da experiencia do xogo orixinal.

O escenario inclúe as figuras de Jumpman, Donkey Kong e Lady, ademais das características estadas, escaleiras e martelos do primeiro Donkey Kong. Ao accionar unha panca, os barrís comezan a descender polo percorrido, mentres que outro mando permite desprazar a Jumpman lateralmente e un botón frontal fai que salte para esquivalos.
Un dos aspectos máis rechamantes do conxunto é o seu mecanismo interno. En lugar de obrigar a recoller e volver colocar os barrís manualmente, estes circulan nun bucle continuo. O sistema funciona como unha bomba mecánica formada por unha columna de 14 barrís: cada vez que se acciona a panca introdúcese un barril na base da columna e outro sae pola parte superior para iniciar o descenso. O conxunto admite 20 barrís, dos que ata seis poden estar rodando simultaneamente polo escenario antes de regresar automaticamente ao depósito inferior.
A Máquina recreativa de Donkey Kong forma parte da liña de produtos LEGO dirixida ao público adulto, na que xa se inclúen outros modelos inspirados en videoxogos clásicos, como a Game Boy, a SEGA Mega Drive ou diferentes produtos baseados no universo de Super Mario.

