As Festas do Apóstolo traen o vindeiro venres á praza do Obradoiro a experiencia inmersiva dun espectáculo de videomapping: unha proposta que constitúe a principal novidade do cartel deste ano. Cunha duración de nove minutos, o espectáculo poderá verse despois dos fogos en nove pases, cada 15 minutos entre as 00.00 e as 2.00 horas.
A través dun percorrido narrativo cheo de imaxinación, a fachada cobrará vida mediante diferentes escenas que xogarán coa arquitectura do edificio. A construción e o derrubamento dos seus muros, os efectos de luz, os mecanismos ocultos que semellan dar vida ao pazo ou a irrupción da natureza converterán o espazo nun escenario en constante transformación.
Segundo informou o Concello, “o espectáculo evolucionará cara a universos cheos de cor e fantasía, nos que o edificio se converterá nun gran xoguete, se cubrirá de sorprendentes texturas e reinterpretará elementos da tradición galega desde unha linguaxe contemporánea”. Ademais, a música marcará o ritmo dunha posta en escena na que imaxe e son avanzarán da man ata desembocar nun espectacular final de fogos artificiais virtuais que encherán a fachada de luz e cor.
A cocelleira de Festas, Pilar Lueiro, anima a veciñanza a gozar deste espectáculo e a facelo con seguridade, seguindo ás indicacións e os fluxos. Poderá verse tamén as dúas noites seguintes, o sábado 25 e o domingo 26, entre as 23.00 e a 1.00 horas.
As Festas do Apóstolo incorporan este ano este espectáculo audiovisual inmersivo grazas ao financiamento do imposto de estadías turísticas, cun orzamento duns 100.000 euros. O videomapping está deseñado pola empresa Qatro Gatos e será proxectado por Art Music como unha experiencia para todos os públicos que pon en valor o patrimonio arquitectónico de Santiago a través das novas tecnoloxías, ofrecendo unha mirada contemporánea sobre un dos edificios máis representativos da cidade.
O Obradoiro acolle este venres unha experiencia inmersiva
Compartir Este Artigo
