Microsoft iniciou unha fase de probas dun novo modelo de xogo en streaming con publicidade dirixido aos membros do programa Xbox Insider, o que permitirá, durante un tempo limitado, acceder sen custo ao streaming dunha selección de xogos xa adquiridos polos usuarios, a cambio de visualizar anuncios antes do inicio de cada sesión.
As probas están dispoñibles para os usuarios de Xbox Insider que cumpran os requisitos establecidos. As sesións de xogo terán unha duración máxima de unha hora e poderán empregarse nos dispositivos e rexións compatibles.
Os anuncios só se reproducirán antes de comezar a partida, polo que a experiencia de xogo non se verá interrompida unha vez iniciada. Microsoft subliña que se trata dunha opción completamente voluntaria e que os xogadores poderán seguir utilizando o resto de modalidades de acceso aos seus xogos.
O servizo pretende ampliar as posibilidades de acceso ao ecosistema Xbox sen necesidade de adquirir novo hardware. A compañía lembra que o xogo na nube xa permite aos propietarios dunha Xbox One executar títulos deseñados para Xbox Series X|S, unha alternativa especialmente útil nos mercados onde as consolas son máis difíciles de conseguir ou teñen un prezo elevado.
Microsoft considera que a publicidade pode contribuír a reducir as barreiras de entrada ao streaming de videoxogos. Segundo explica, os modelos con anuncios levan décadas presentes na industria, tanto mediante publicidade integrada nos xogos como nos títulos gratuítos, aínda que recoñece que non sempre se desenvolveron pensando na experiencia dos xogadores.
Para este novo modelo fixa varios principios. Os anuncios deberán achegar valor ao usuario, nunca interromperán o desenvolvemento das partidas, estarán sometidos aos mesmos estándares de calidade que o resto dos contidos da plataforma, identificaranse de forma clara como publicidade e adaptaranse ás expectativas dos xogadores en cada dispositivo.
A empresa de Redmond asegura que aproveitará esta fase de probas para recompilar opinións dos participantes e introducir melloras antes de valorar unha posible expansión da iniciativa. O obxectivo declarado é ofrecer máis formas accesibles e económicas de acceder aos videoxogos mediante o streaming.
Xbox proba o xogo en streaming de balde con publicidade
Compartir Este Artigo

