
A prolongada incidencia que afectou os servizos de Xbox entre a noite do domingo e o luns non só impediu acceder aos xogos dixitais, senón que tamén bloqueou a execución de títulos distribuídos en disco físico. Microsoft confirmou que a orixe do problema estivo nun servizo interno de licenzas compartido con outros produtos da compañía e comprometeuse a reforzar a infraestrutura para evitar que unha situación semellante se repita.
Os primeiros problemas apareceron na noite do domingo, cando os usuarios comezaron a experimentar dificultades para iniciar sesión, acceder ás súas bibliotecas de xogos, abrir aplicacións ou realizar compras na tenda de Xbox. Co paso das horas, a propia páxina de estado do servizo advertiu de que tamén podían producirse problemas para iniciar xogos tanto dixitais como en formato físico.
A incidencia puxo de manifesto que mesmo os xogos en disco poden depender dunha comprobación en liña das licenzas. En numerosos casos, os usuarios recibiron erros ao intentar iniciar determinados títulos porque o sistema non era quen de verificar os dereitos de uso asociados á súa conta. Os xogos vinculados a Game Pass estiveron entre os máis afectados, aínda que a situación tamén variou segundo o título e a rexión.
Microsoft deu por resolta a incidencia tras preto de 20 horas, indicando que xa era posible iniciar sesión, lanzar xogos e completar compras con normalidade. O director de Tecnoloxía de Xbox, Scott Van Vliet, explicou posteriormente que a causa foi o fallo dun servizo de licenzas «que está fóra de Xbox, pero do que Xbox depende». Aclarou que non se trataba dun sistema alleo á empresa, senón dun servizo interno de Microsoft compartido por varios produtos.
Segundo detallou, a avaría provocou fallos nos procesos de autenticación e nas comprobacións de titularidade necesarias para mostrar a biblioteca completa de xogos ou iniciar títulos adquiridos polos usuarios. Tamén afectou algúns socios de publicación e distribución que dependen da mesma infraestrutura, polo que determinados xogos sufriron incidencias mentres outros continuaban funcionando con normalidade.
Van Vliet cualificou a situación de «inaceptable» e asegurou que os equipos de garda detectaron rapidamente as primeiras anomalías mediante sistemas automáticos de supervisión. Unha vez localizada a infraestrutura afectada, o tráfico foi redirixido cara aos sistemas que permanecían operativos, o que explica que a recuperación do servizo se producise de maneira gradual segundo a rexión.
Microsoft abriu xa unha revisión completa do incidente para determinar por que un único fallo puido provocar un impacto tan amplo, por que a recuperación requiriu tantas horas e que cambios serán necesarios para eliminar puntos únicos de fallo. Entre as medidas previstas figuran o reforzo das dependencias dos sistemas de inicio de sesión e lanzamento de xogos, a mellora dos mecanismos de detección e contención deste tipo de incidencias e unha comunicación máis rápida e clara cos usuarios cando se produzan interrupcións do servizo.
O incidente chega poucos días despois dunha caída global da PlayStation Network, aínda que se trata de fallos moi diferentes, aínda que mentres no caso de Sony os usuarios destacaban a fraxilidade dos xogos en formato dixital, nesta ocasión evidenciouse que incluso os xogos distribuídos en disco eran susceptibles de fallar por mor da verificación en liña das súas licenzas para poder executarse.

