
A aventura narrativa Dispatch por fin está dispoñible para Xbox Series X|S, completando así a despregadura multiplataforma dun dos títulos independentes máis destacados dos últimos meses. O xogo, desenvolvido e publicado por AdHoc Studio, estreouse de forma episódica en PlayStation 5 e Windows entre outubro e novembro de 2025, chegou a Nintendo Switch e Nintendo Switch 2 en xaneiro deste ano e desembarca agora nas consolas de Microsoft.
Para celebrar esta estrea publicaron un novo tráiler de lanzamento no que repasa os principais elementos dun título que combina aventura narrativa, humor e xestión táctica.

Dispatch sitúa o xogador na pel de Robert Robertson III, coñecido como Mecha Man, un superheroe obrigado a abandonar temporalmente a acción despois de que a súa armadura quede destruída durante un combate. Sen poder exercer como heroe, pasa a traballar nun centro de coordinación de emerxencias para superheroes, onde debe dirixir un equipo formado por antigos superviláns que buscan rehabilitarse.

A experiencia combina a toma de decisións propia das aventuras narrativas cun sistema de xestión no que o xogador debe asignar os heroes máis adecuados ás distintas incidencias que se producen pola cidade. As eleccións realizadas, tanto nas misións como nas conversacións cos compañeiros, modifican as relacións entre os personaxes, a súa lealdade e o desenvolvemento da historia.

O proxecto supuxo o debut de AdHoc Studio, un estudio fundado por antigos desenvolvedores de Telltale Games responsables de obras como Tales from the Borderlands e The Wolf Among Us.

Desde a súa estrea, Dispatch recibiu críticas xeralmente favorables por parte da prensa especializada e unha excelente acollida entre o público, superando xa os 4 millóns de copias vendidas, consolidándose como un dos éxitos independentes máis destacados dos últimos meses.

