
O lanzamento máis irregular de DJI por fin está aquí. A nova DJI Osmo Pocket 4P, unha cámara de peto con estabilizador mecánico de tres eixes, que leva meses en mans de analistas e influentes, e incluso se presentou oficialmente en Cannes no mes de maio, leva moito tempo agardando para chegar ao mercado global, permitindo incluso que o seu competidor máis directo, a Insta360 Luna Ultra, chegase antes ás tendas.
A nova cámara introduce por primeira vez na serie un sistema de dobre obxectivo e incorpora un sensor CMOS de 1 polgada con ata supostamente 17 pasos de rango dinámico, ademais dun novo perfil de cor D-Log 2 de 10 bits orientado aos fluxos de traballo profesionais. A cámara principal emprega un obxectivo cunha distancia focal equivalente a 20 milímetros e unha apertura f/2.0, e presume de grvación de vídeo ata 4K a 240 fotogramas por segundo, facilitando a captura de escenas con gran contraste e secuencias a cámara lenta de ata oito aumentos.

O segundo obxectivo é un teleobxectivo medio equivalente a 60 milímetros con apertura f/1.8, pensado especialmente para retratos. Ofrece un zoom óptico de 3 aumentos e un zoom máximo de 12 aumentos, procurando unha separación máis natural entre o suxeito e o fondo.
O novo perfil D-Log 2 de 10 bits permite rexistrar máis de 1.000 millóns de cores, favorecendo unha maior marxe de manobra durante a gradación de cor en posprodución e unha mellor conservación do detalle tanto nas altas luces como nas sombras.

A estabilización segue confiando nun sistema mecánico de tres eixes integrado nun corpo de 230 gramos. O dispositivo tamén incorpora a versión mellorada de ActiveTrack 8.0, capaz de manter no encadre persoas, vehículos, mascotas ou outros obxectos mesmo durante o uso do zoom dixital.
DJI tamén incorporou diversas funcións para facilitar o uso diario. A cámara pode comezar a gravar simplemente ao despregar a pantalla táctil, admite control mediante xestos, permite capturar fotografías en directo con pequenos clips en resolución 4K asociados a cada imaxe e realiza fotografías de ata 37 megapíxeles.

A conectividade tamén mellora grazas á compatibilidade con USB 3.1, que permite velocidades de transferencia de ata 800 MB/s mediante cable. A batería admite carga rápida, alcanzando o 80 % da capacidade en 18 minutos, cunha autonomía máxima anunciada de ata 210 minutos de funcionamento.

A Osmo Pocket 4P mantén a compatibilidade cos accesorios do ecosistema Osmo, entre eles filtros ND, filtros de néboa negra, unha luz de recheo, un obxectivo gran angular adicional, unha empuñadura con batería, o minitrípode Osmo e distintos micrófonos OsmoAudio.

O trebello comercialízase en dúas cores, negro e branco perla, aínda que esta última versión non está dispoñible de lanzamento. O paquete estándar ten un prezo de 599 euros, mentres que o paquete para vlog custa 689 euros.
Temos así que, aínda que chegue bastante tarde (en pleno verán, que é a época na que máis se empregan este tipo de dispositivos) ten como vantaxe contra o seu principal competidor, a Insta360 Luna Ultra, un prezo máis axustado (a cámara de Insta360 custa 729 euros na versión básica e 929 no seu paquete para creadores), pero DJI ten como grande atranco que non poderá comercializarse nos EE.UU. polo veto que a Casa Branca impuxo sobre a marca chinesa.
