
A Comisión Europea abriu a convocatoria para seleccionar ata sete xigafactorías de intelixencia artificial repartidas por Europa, unha iniciativa coa que pretende reforzar a soberanía tecnolóxica da Unión e avanzar no obxectivo de converter Europa no continente da IA. O programa contará con ata 10.000 millóns de euros de financiamento público europeo e nacional, unha achega que aspira a mobilizar polo menos 20.000 millóns de euros adicionais de investimento privado.
Estas infraestruturas estarán promovidas por consorcios liderados pola industria e ofrecerán capacidade de computación para o adestramento, a inferencia e o axuste fino de modelos avanzados de intelixencia artificial. O seu obxectivo é facilitar o acceso a estes recursos a empresas emerxentes, pemes, grandes compañías, universidades, centros de investigación e administracións públicas.
As xigafactorías de IA combinarán procesadores especializados para IA, pilas de software e servizos na nube, conexións de alta velocidade e centros de datos deseñados para maximizar a eficiencia enerxética. Complementarán a rede europea de 19 factorías de IA xa impulsada pola UE, reforzando a capacidade de Europa para desenvolver modelos de IA avanzados sobre infraestrutura propia e conforme ás normas europeas en materia de protección de datos, seguridade e ética.
Poderán presentar propostas consorcios ou sociedades instrumentais que agrupen empresas, entidades públicas, investidores e outros socios. As instalacións poderán localizarse nun único Estado membro, nun ou varios emprazamentos, ou distribuírse entre varios países mediante infraestruturas de computación compartidas.
A apertura da convocatoria das AI Gigafactories representa un fito nas nosas aspiracións de converter Europa no continente da IA. O acceso á enorme capacidade de computación que ofrecerán estas AI Gigafactories é unha necesidade estratéxica para Europa nun momento no que o desenvolvemento da intelixencia artificial se está a acelerar. Compráceme ver como os Estados membros, a industria e a Comisión colaboran para facer realidade estas instalacións, fundamentais para a nosa soberanía tecnolóxica.
Henna Virkkunen, vicepresidenta executiva para a Soberanía Tecnolóxica, a Seguridade e a Democracia.
O programa estrutúrase en dúas modalidades. A primeira financiará ata catro proxectos con ata 100 millóns de euros de achega comunitaria na primeira fase e ata outros 400 millóns de euros na segunda. Cada unha destas instalacións deberá contar inicialmente cun número de procesadores de IA polo menos equivalente ao da factoría de IA máis potente de Europa, triplicando posteriormente esa capacidade.
A segunda modalidade apoiará ata tres proxectos de maior escala, con ata 200 millóns de euros de financiamento europeo na primeira fase e ata 800 millóns de euros adicionais na segunda. Neste caso, as instalacións deberán partir dunha capacidade de procesamento ata dúas veces superior á da factoría de IA europea máis potente na actualidade e multiplicala por catro na segunda fase.
O acceso á capacidade de computación destas infraestruturas será adquirido conxuntamente pola Empresa Común Europea de Computación de Alto Rendemento (EuroHPC JU) e os Estados participantes. Ata o momento, 18 países subscribiron o acordo de contratación conxunta: Croacia, Chequia, Dinamarca, Estonia, Finlandia, Francia, Alemaña, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Polonia, Portugal, Eslovaquia, España e Suecia.
Os consorcios poderán adquirir hardware tanto de fabricantes europeos como de países considerados afíns pola UE. Ademais, parte destas compras poderá reservarse para empresas emerxentes europeas, co propósito de fortalecer a cadea de subministración dixital do continente. Como complemento, e tras o recente acordo comercial entre a UE e os EE.UU., a Comisión Europea asinou cartas de intención con AMD, nVIDIA e Qualcomm para facilitar aos proxectos seleccionados o acceso aos procesadores necesarios.
A convocatoria permanecerá aberta ata o 12 de novembro de 2026. A EuroHPC JU prevé completar a avaliación das candidaturas a comezos de 2027, momento no que se formalizarán os contratos para iniciar a construción das instalacións durante ese mesmo ano. As xigafactorías de IA seleccionadas deberán entrar en funcionamento nun prazo máximo de 18 meses desde a sinatura dos acordos.

