
Odisea Indie – Game Fest, o encontro dedicado ao videoxogo independente que se celebrará os días 21 e 22 de novembro en ExpoCoruña, abriu o pasado 31 de xullo o prazo de inscrición para os estudios, desenvolvedores e entidades con interese en participar na súa vindeira edición. O evento, integrado en ExpOtaku A Coruña, ampliará a súa capacidade ata os 50 expositores.
O encontro, coñecido anteriormente como Zona Indie Dev, inicia unha nova etapa baixo a marca Odisea Indie, mantendo o seu obxectivo de impulsar o desenvolvemento independente, achegar novos proxectos ao público e favorecer o contacto entre estudios, profesionais, estudantes e empresas do sector. O cambio de identidade responde ao crecemento experimentado nas últimas edicións e busca consolidar unha imaxe propia para continuar a súa evolución.

Na convocatoria de maio de 2026 participaron 40 proxectos, que aumentarán ata os 50 na edición de novembro. A organización considera que esta ampliación permitirá reunir unha oferta máis ampla de videoxogos independentes e facilitar que o público poida probar os títulos, coñecer os seus creadores e descubrir propostas en diferentes fases de desenvolvemento. Tamén se prevén cambios na distribución do espazo expositivo para mellorar a visibilidade dos participantes e o percorrido dos asistentes.

A edición deste ano incorporará tres galardóns para recoñecer distintos aspectos da participación. O Premio do Público será decidido mediante a votación dos asistentes, mentres que o Premio ao Mellor Stand distinguirá a presentación do espazo expositivo. Ademais, entregarase un Premio ao Mellor Xogo de Estudantes para destacar o talento emerxente.
A iniciativa conta co apoio de empresas e entidades vinculadas ao sector do videoxogo, entre elas Tesura Games, JanduSoft, Devilish Games, Flynn’s Arcade Publishing, RawrLab Games, GameIT, GameVitation e ExpOtaku.
