
Balatro, o videoxogo independente que mestura as mans de póker tradicionais co xénero roguelike e a construción de barallas (deckbuilding), xa ten versión en galego grazas á contribución do equipo formado por Alex Arias Cabarcos, egresado do mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional pola Universidade de Vigo, Javier Llópiz, e ex-estudante do ETIV (Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo).

Indican que os últimos traballos desenvolvidos neste mes de xullo fixeron posible publicar un mod de tradución ao galego para Balatro, aínda que indican que “se trata dunha tradución non oficial”.

Engaden que Galatro é o parche de localización non oficial ao galego do videoxogo Balatro, desenvolvido por LocalThunk e lanzado en 2024. O paquete de localización inclúe a tradución completa dos textos e a adaptación parcial do código e dos elementos gráficos do xogo.

Como lembraremos, Balatro é un roguelike de construción de barallas inspirado no póker no que o obxectivo é crear sinerxías poderosas e gañar ao grande. Permite combinar mans de póker con comodíns únicos para crear sinerxías e mazos diversos, e obtermos fichas dabondo para derrotar as perversas cegas á vez que descubrimos mans e barallas ocultas adicionais segundo progresamos.
A descarga de Galatro inclúe un instalador sinxelo de usar. Quen precise ver as instrucións, foron publicadas en liña por Alex e Javier.
