
CMF, a submarca económica de Nothing, presentou os seus primeiros auriculares de deseño aberto, os CMF Clip Pro, orientados a usuarios que buscan escoitar música sen illarse completamente do que acontece ao seu redor. Os novos auriculares terán (previsiblemente) un prezo 99 euros e estarán dispoñibles a partir do 15 de agosto en tres cores: gris escuro, gris claro e coral.
Os CMF Clip Pro empregan un sistema de suxeición denominado 3-point clip design, que reparte a presión en tres puntos da orella para mellorar a comodidade durante un uso prolongado. Cada auricular pesa 5,9 gramos e está deseñado para adaptarse a diferentes formas de orella sen introducirse no canal auditivo, un formato que favorece a percepción do contorno e resulta especialmente pensado para actividades ao aire libre ou desprazamentos urbanos.

O apartado sonoro está baseado en transdutores dinámicos de dobre imán de 10,8 milímetros con certificación Hi-Res Audio e compatibilidade cos codecs LDAC, AAC e SBC. Para compensar a perda de graves propia dos auriculares abertos, Nothing desenvolveu a tecnoloxía Ultra Bass Technology, que reforza as frecuencias baixas ao tempo que procura reducir a distorsión.
As chamadas benefícianse de catro micrófonos HD con cancelación de ruído ambiental para destacar a voz do usuario. Ademais, os auriculares incorporan unha función que limita a propagación das frecuencias medias e altas cara ao exterior para reducir a posibilidade de que outras persoas escoiten as conversacións, unha opción configurable desde a aplicación Nothing X.

Un dos elementos máis distintivos do produto é o Smart Dial integrado no estoxo de carga. Esta roda física permite controlar o volume, a reprodución multimedia, responder ou rexeitar chamadas e iniciar o emparellamento sen necesidade de desbloquear o teléfono. Os auriculares tamén dispoñen de controis físicos propios, evitando superficies táctiles.

A autonomía anunciada é de ata 10 horas de reprodución continua cunha única carga e un total de 32,5 horas empregando o estoxo. Unha carga rápida de 10 minutos proporciona aproximadamente catro horas adicionais de uso.
Entre as prestacións adicionais inclúense conexión Bluetooth 5.4 con multipunto para dous dispositivos simultáneos, compatibilidade con Google Fast Pair e Microsoft Swift Pair, modo de baixa latencia para videoxogos e certificación IP54 de resistencia ao po e ás salpicaduras de auga.
