
A rodaxe da longametraxe Pínkala recibiu este martes 4 de agosto a visita do conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos. A cita foi na Estación Marítima de Vigo. Trátase da nova longa do director Juanjo Giménez, impulsada pola produtora galega Frida Films en coprodución con M-Films.
A película atópase na súa fase final de filmación en Galicia, onde completa as últimas semanas de traballo entre Vigo e Tomiño grazas a achega de 350.000 euros por parte do Goberno galego no marco da liña de axudas de atracción a rodaxes, dotada este ano con 2,53M€ e co-financiada pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.
Durante o encontro co equipo, López Campos, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, lembrou que esta iniciativa favorece “a chegada de proxectos cinematográficos e televisivos capaces de dinamizar a actividade económica, crear emprego cualificado e fortalecer a cadea de valor da industria audiovisual galega”.
Así mesmo, destacou que “Galicia consolidouse como un territorio de referencia para a produción audiovisual grazas á combinación de talento creativo, empresas cada vez máis competitivas e unha estratexia pública estable para acompañar o crecemento do sector”.
A Estación Marítima de Vigo recrea un aeroporto
A visita institucional coincidiu coa gravación dunha das escenas que transforma a Estación Marítima de Vigo nun control de seguridade aeroportuario. Nela, o protagonista da historia, Sam, interpretado por Pol López, enfróntase por primeira vez ao proceso previo ao embarque nun voo, unha experiencia que pon de manifesto as dificultades do personaxe para desenvolverse nun espazo descoñecido e con gran afluencia de persoas. A secuencia conta coa participación de figuración e cun dispositivo escenográfico específico para recrear o ambiente dunha terminal aérea.
Tras esta sesión, o equipo trasladarase a Tomiño para completar unha nova semana de traballo nunha localización interior. A continuación regresará a Vigo para afrontar as últimas xornadas da planificación, previstas en horario nocturno nos antigos xulgados da cidade, antes de iniciar a fase de posprodución.
Unha historia intimista con selo galego e vocación internacional
Pínkala é unha produción da empresa galega Frida Films, que comparte este proxecto coa lituana M-Films, baixo a dirección de Juanjo Giménez, gañador da Palma de Ouro á mellor curtametraxe no Festival de Cannes por Timecode e candidato aos Premios Óscar.
A película segue a historia de Sam, un home cunha extrema sensibilidade aos estímulos que vive practicamente illado do mundo. A chegada dunha nova persoa ao seu contorno obrigarao a cuestionar ese equilibrio e iniciar unha transformación persoal que converte o filme nunha reflexión sobre a vulnerabilidade, os coidados e os vínculos humanos.
