
DJI ampliou a súa gama de micrófonos sen fíos co novo DJI Mic Mini 2S, un dispositivo compacto que incorpora por primeira vez gravación interna e que está orientado a creadores de contido que precisan capturar audio de forma fiable en situacións cambiantes.
Cada transmisor integra aproximadamente 14,5 GB de memoria, suficientes para almacenar ata 28 horas de audio no modo de gravación interna de 24 bits. A compatibilidade coa gravación flotante de 32 bits facilita conservar un amplo rango dinámico, permitindo rexistrar con seguridade tanto sons moi baixos como picos de volume elevados sen saturación, o que ofrece unha maior marxe de edición na posprodución.

O sistema incorpora dous niveis de cancelación de ruído mediante IA adaptados a distintos escenarios. O modo Básico reduce os sons habituais en interiores, como ventiladores, aire acondicionado ou reverberación, mentres que o modo Intenso está pensado para contornas exteriores con maior contaminación acústica. A isto súmanse un sistema automático de control de clipping para evitar distorsións provocadas por cambios bruscos de volume e un balance dinámico que mantén un nivel de saída constante durante entrevistas ou emisións en directo.
Os usuarios tamén poden escoller entre tres perfís de son: Regular, para un resultado equilibrado; Brillante, que reforza a claridade das voces; e Sonoro, cun ton máis cálido e con maior presenza.
O DJI Mic Mini 2S admite a conexión simultánea de ata catro transmisores cun único receptor, unha configuración pensada para gravacións con varias persoas, como podcasts, entrevistas ou mesas redondas. Ademais, mantén compatibilidade cos transmisores DJI Mic Mini e Mic Mini 2, así como co receptor móbil da serie DJI Mic, facilitando a ampliación de equipos xa existentes sen necesidade de substituílos completamente.

O transmisor pesa arredor de 12 gramos e pode colocarse tanto mediante pinza como con suxeición magnética. A cuberta frontal tamén é magnética e desmontable, permitindo personalizar o seu aspecto. DJI comercializa por separado un xogo de oito cubertas de cores e outra colección denominada Time Series, creada en colaboración coa ilustradora Victo Ngai.
O novo micrófono intégrase directamente con varias cámaras da marca mediante a tecnoloxía OsmoAudio. Os transmisores poden conectarse sen receptor ás cámaras Osmo Pocket 4P, Osmo Pocket 4, Osmo 360, Osmo Nano e Osmo Action 6, transmitindo audio de 48 kHz e 24 bits directamente ao dispositivo, simplificando así o fluxo de traballo dentro do ecosistema de DJI.
O DJI Mic Mini 2S xa está dispoñible para a súa compra custando paquete con dous transmisores, un receptor e estoxo de carga euros. A versión cun transmisor e un receptor custa 99 euros, o mesmo importe que a variante con receptor móbil e estoxo. O transmisor véndese por separado por 69 euros, mentres que o estoxo de carga custa 33 euros. O xogo de cubertas magnéticas multicolor ten un prezo de 19 euros e a colección Time Series elévase ata os 39 euros.
