
Marvel Tōkon: Fighting Souls, o novo xogo de loita desenvolvido por Arc System Works en colaboración con PlayStation Studios e Marvel Games, xa está dispoñible para PlayStation 5 e PC (Steam). O título aposta por un sistema de combates por equipos de 4 contra 4 e reúne unha selección inicial de 20 personaxes do universo Marvel cun renovado estilo visual inspirado no anime.
A proposta céntrase na creación de equipos de superheroes e viláns para combinar habilidades, descubrir novas sinerxías e desenvolver estratexias durante os combates. Cada personaxe conta con movementos e técnicas propias, mentres que os escenarios están baseados en localizacións recoñecibles do universo Marvel e inclúen transicións dinámicas que modifican o desenvolvemento da loita.

Arc System Works deseñou un sistema de control que busca resultar accesible tanto para xogadores ocasionais como para afeccionados aos xogos de loita máis esixentes. Ademais dos comandos tradicionais, incorpora entradas simplificadas e combinacións de golpes fáciles de executar, sen renunciar á profundidade táctica propia do xénero.

O xogo ofrece unha ampla variedade de contidos para un xogador, entre os que destacan o modo Episodio, centrado nas historias e relacións entre os distintos equipos, o modo Adestramento, as guías de personaxes, o modo All-Star Arena e Arcadia Rumble, que pode xogarse completamente sen conexión (aínda que incorpora funcións en liña opcionais).

No apartado multixogador permite disputar partidas locais e tamén en liña, con salas para ata 64 participantes, ademais de modos clasificatorios, partidas casuais e salas privadas, para os que é necesaria unha conta de PlayStation e conexión á Internet.
A versión para PlayStation 5 aproveita varias funcións específicas da consola, como o almacenamento SSD para reducir os tempos de carga, audio 3D, resolución 4K e a resposta háptica do mando DualSense, mentres que a edición para PC ofrece compatibilidade con resolución 4K, funcionamento a 60 fotogramas por segundo durante os combates e tamén soporte para as funcións hápticas do DualSense cando se utiliza este mando.
O lanzamento de Marvel Tōkon: Fighting Souls supón o regreso de Marvel ao xénero da loita por equipos cun enfoque claramente orientado ao estilo visual e ás mecánicas características de Arc System Works, estudio responsable de títulos como Guilty Gear Strive ou Dragon Ball FighterZ.

