
OpenAI continúa avanzando na súa aposta polo hardware con intelixencia artificial e, segundo unha información publicada por Bloomberg, prepara o lanzamento en 2027 dun dispositivo doméstico cun deseño pouco convencional: un altofalante intelixente sen pantalla, con forma de rosquilla (cun tamaño semellante ao dun disco de hóckey) e un prezo estimado de entre 300 e 400 dólares.
O dispositivo, desenvolvido en colaboración co estudio LoveFrom de Jony Ive, pretende converterse nun ordenador centrado na IA capaz de acompañar o usuario ao longo do día. O seu tamaño compacto permitirá transportalo facilmente pola casa cunha soa man, diferenciándose así dos actuais altofalantes intelixentes de Amazon ou Google.
A proposta de OpenAI baséase nunha interacción máis natural ca dos asistentes de voz actuais. Funcionará de maneira similar ao modo de voz de ChatGPT, pero empregando modelos máis avanzados que permitirán conversacións máis humanas e personalizadas. Ademais, o sistema aprenderá progresivamente dos hábitos e preferencias do usuario para adaptar as respostas e ofrecer unha experiencia máis próxima.

Un dos elementos máis rechamantes do produto será a incorporación de pezas móbiles, que cambiarán de posición para indicar cando o dispositivo está a responder ou interactuando. Tamén contará cun sistema de iluminación que mostrará cando está escoitando e contribuirá a facer máis expresiva a comunicación coa IA.
Incluirá altofalantes, micrófonos, batería integrada, unha cámara e diversos sensores que lle permitirán interpretar o contorno e incorporar información visual ás conversacións. O deseño permitirá utilizalo tanto na man como apoiado sobre unha mesiña de noite, un mesado ou calquera outra superficie.
Segundo comenta Mark Gurman para Bloomberg, OpenAI considera este produto o primeiro paso dunha futura familia de dispositivos baseados en intelixencia artificial. A compañía aspira a construír unha nova categoría de computadores persoais e, a longo prazo, mesmo substituír os teléfonos intelixentes como principal punto de acceso á IA.

