
Quake cumpre 30 anos e faino cunha importante actualización que recupera o espírito do clásico shooter en primeira persoa. MachineGames, en colaboración con id Software, lanzou Dawn of the Machine, un novo episodio dispoñible como actualización de balde para os propietarios do xogo.
O novo contido incorpora 19 mapas repartidos nunha campaña compacta, ademais dunha nova banda sonora, segredos ocultos, un centro de episodios específico e un novo mapa para o modo Partida a morte. A actualización está dispoñible en Xbox Series X/S, Xbox One, Microsoft PC Store, Game Pass, PC Game Pass, Steam, PlayStation 5, PlayStation 4, Nintendo Switch 2 (con retrocompatibilidade) e Nintendo Switch.
A historia volve poñer o xogador no papel de Ranger, atrapado nunha dimensión ilusoria na que o tempo se dobra sobre si mesmo e crea un ciclo interminable. Cada regreso ao presente pode modificar o futuro, alterando os escenarios, os encontros e os camiños dispoñibles.
A progresión baséase tamén na obtención de runas, que permiten desbloquear rutas que permanecían seladas. Ao longo da aventura é posible atopar melloras permanentes de saúde e munición, que fan que Ranger sexa máis poderoso en cada novo ciclo e engaden unha capa de progresión ás mecánicas clásicas de Quake.

O episodio introduce novas variantes de inimigos coñecidos, entre eles o Rocket Ogre, o Demo Dog e o Blood Shambler. Estes adversarios incorporan novos ataques e recursos que obrigan a modificar as estratexias de combate. O arsenal tamén medra con armas como a superhacha lanzarraios e o canón láser, cuxos proxectís rebotan nas superficies para alcanzar os inimigos desde diferentes ángulos.
A dimensión na que transcorre a aventura tamén está deseñada para sorprender en cada visita. Os xogadores terán que saltar entre dimensións, resolver crebacabezas, descubrir segredos e adaptarse a encontros que poden cambiar as súas regras. Algúns inimigos poden volver erguerse ou transformarse despois de morrer, mentres que os escenarios modifican os percorridos dispoñibles ao avanzar pola campaña.
O obxectivo final de Ranger é atopar a Máquina de Pesadelo, un artefacto que podería ser a clave para destruír a ilusión e romper definitivamente o ciclo no que está atrapado.

A actualización incorpora tamén id Vault, unha galería de recursos de desenvolvemento e contido descartado na que se poden explorar mapas xogables, incluídos algúns procedentes das primeiras fases de desenvolvemento de Quake. Engádense igualmente tres novos logros e un menú de trucos que permite activar diferentes axudas durante as partidas en solitario.
A actualización introduce ademais diversos cambios técnicos. Mellorouse a interpolación para reducir a latencia das entradas e os casos nos que a cámara queda atrasada respecto das armas e os seus efectos, así como o rendemento en escenas con numerosos inimigos. Tamén se reduciu o uso de memoria dos menús e mellorouse o renderizado das fontes.
Os usuarios de PlayStation 5 reciben, ademais, os sons dos altofalantes do mando e a vibración que faltaban nalgunhas armas de Scourge of Armagon.
As ferramentas para a creación de mods tamén reciben cambios. Os segmentos de localización pasan a almacenarse no arquivo PAK de Quake, polo que os motores de terceiros que os extraían ata agora dos ficheiros KPF deberán actualizarse. Tamén se poden engadir localizacións específicas para cada mod mediante ficheiros situados nos seus arquivos PAK.
Dawn of the Machine instálase automaticamente como actualización gratuíta para os usuarios que xa dispoñen de Quake. Como punto negativo, o novo episodio non está dispoñible actualmente nas versións do xogo para GOG nin Epic Games Store, polo que os usuarios destas plataformas poden atoparse cunha mensaxe de desconexión ao intentar aceptar invitacións de xogadores doutras versións compatibles.

