
Santiago acolleu hoxe a presentación da rodaxe dun documental que vén moi a conto co fenómeno astronómico deste 12 de agosto: o documental Despois da eclipse (Rumbo ás estrelas), unha produción que combina divulgación científica, creación audiovisual e proxección internacional. O documental, producido por Meteórica Cine en coprodución con Abano Producións, segue a traxectoria da científica galega Begoña Vila durante os días decisivos da misión Nancy Grace Roman, o próximo gran telescopio espacial da NASA.
Na cita participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e máis o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), que destacaron a achega ao proxecto (por parte da Xunta) de 120.000 euros, ao abeiro da convocatoria de subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, ao que se lle suma o apoio de Turismo de Galicia no marco do Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027.
Durante o acto, López Campos destacou que Galicia conta “cun sector audiovisual cada vez máis sólido e competitivo, capaz de liderar proxectos complexos e audaces coma este, que dialoga cos grandes retos científicos e sociais do noso tempo conectándoos co noso territorio e a nosa identidade”.
Sinalou que Despois da eclipse (Rumbo ás estrelas) é “unha obra con ambición creativa e capacidade para chegar a públicos internacionais desde o talento das nosas produtoras”, ao mesmo tempo que aproveitou para erixir a figura de Begoña Vila como referente para inspirar novas vocacións e achegar a ciencia á cidadanía.
Unha historia entre Galicia e a NASA

Dirixido por Alba Prol, Despois da eclipse (Rumbo ás estrelas) acompaña a Begoña Vila nun momento decisivo da súa carreira, coincidindo coa fase final da misión Nancy Grace Roman, cuxo lanzamento está previsto para finais de agosto desde o Centro Espacial Kennedy. O documental combina a dimensión científica do proxecto espacial cun retrato persoal da enxeñeira viguesa, que xa desempeñou un papel destacado no desenvolvemento do telescopio James Webb, ofrecendo unha mirada sobre a vocación, o esforzo e os retos das carreiras científicas, especialmente no caso das mulleres.
A rodaxe desenvólvese en diferentes instalacións da NASA nos Estados Unidos, entre elas o Centro de Voo Espacial Goddard, o Instituto de Ciencias do Telescopio Espacial de Baltimore e o Centro Espacial Kennedy, ademais de diversas localizacións galegas aproveitando a visita de Begoña Vila para presenciar a eclipse total de Sol visible desde Galicia. “Esta circunstancia permitirá incorporar ao filme unha dimensión especialmente íntima e emocional, ligada ao regreso da protagonista á súa terra e ao reencontro coa súa familia e amizades nun momento clave da misión espacial”, salientaron dende o equipo de rodaxe.
Unha coprodución galega con proxección internacional
O documental está producido por Meteórica Cine en coprodución con Abano Producións, compañía distinguida con cinco premios Goya. O equipo complétano, entre outras profesionais, a directora e guionista Alba Prol, a directora de fotografía Lucía C. Pan e a compositora Uxía Caneda.
Ademais do apoio da Xunta de Galicia, Despois da eclipse (Rumbo ás estrelas) conta coa participación de Odisea (AMC Global Media) e da Televisión de Galicia, así como co respaldo do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA).

