
Fina Paulos e Óscar Rey veñen de lanzar ao ámbito editorial o libro educativo Aplicaciones Web, un manual de referencia para os futuros técnicos en sistemas microinformáticos. A obra, publicada coa Editorial Garceta, está concibida como “un libro educativo práctico, rigoroso e actualizado”, orientado ao módulo de 2º curso Aplicacións Web do ciclo formativo de Técnico en Sistemas Microinformáticos e Redes (SMR), sumando unha nova peza á traxectoria dos autores na divulgación e formación tecnolóxica.
Os autores contan cunha sólida traxectoria en innovación educativa e proxectos pioneiros de dixitalización e intelixencia artificial no ámbito escolar, unha traxectoria que se ve reflectida nas páxinas desta nova publicación amosando contidos actualizados á nova realidade educativa, como é a normativa ou o emprego da IA.

Indican que a obra destaca por “presentar os conceptos dun xeito claro, sinxelo e dende un punto de vista eminentemente práctico”. Tamén salientan a súa aposta por “unha linguaxe accesible e orientada á práctica na aula”.
O libro aborda dende os fundamentos dos xestores de contidos e o deseño web ata a seguridade e a administración de servizos en liña.
Esta nova publicación reforza o compromiso de Paulos e Rey coa actualización dos currículos educativos e a divulgación científica no ámbito da tecnoloxía. Os dous docentes veñen de ter un papel destacado no ámbito da dixitalización grazas ás súas publicacións sobre a intelixencia artificial no eido educativo e social:
- Intelixencia Artificial para a sociedade (Medulia Editorial): obra pioneira en galego pensada para achegar a IA á cidadanía e servir de apoio didáctico na educación secundaria.
- Inteligencia Artificial en el aula: Aplicaciones de la IA en la docencia (Editorial Garceta): un libro de referencia educativo a nivel nacional dirixido ao profesorado e familias para a integración ética, inclusiva e práctica das ferramentas de IA nos procesos de ensino-aprendizaxe.
Innovación e proxectos educativos inclusivos

Máis alá da súa faceta editorial, Fina Paulos e Óscar Rey destacan polo seu traballo directo na aula mediante proxectos educativos punteiros relacionados coa tecnoloxía e a inclusión. Entre eles destaca a súa participación activa en iniciativas como Talentos Inclusivos (en colaboración co CITIC da Universidade da Coruña e ASPACE), onde desenvolven xunto ao alumnado solucións tecnolóxicas e de IA aplicadas a mellorar a calidade de vida de persoas con diversidade funcional.
O novo libro, Aplicacións Web, xa se atopa dispoñible nas librarías e na canle de distribución oficial da Editorial Garceta.

