
A aplicación de Gemini superou oficialmente os 1.000 millóns de usuarios mensuais, segundo os datos publicados por Google, que sitúa este fito como o crecemento máis rápido na historia da compañía para un dos seus produtos.
Aproveitan o anuncio para dar conta de detalles como que o uso da voz está a gañar peso nas interaccións coa intelixencia artificial: o 63 % dos usuarios xa conversa directamente con Gemini, cun incremento tamén dos usuarios que empregan exclusivamente a voz. Os pais con pouco tempo dispoñible son, ademais, un 43 % máis propensos a utilizar esta función para tarefas cotiás.
Gemini tamén está a ampliar o seu uso máis alá das interaccións baseadas exclusivamente na voz. Unha de cada cinco interaccións con Gemini Live inclúe vídeo da cámara ou compartición de pantalla, especialmente para resolver problemas en tempo real. Estas funcións teñen unha especial aceptación entre estudantes e usuarios que realizan tarefas de bricolaxe.
Os estudantes tamén recorren con frecuencia aos ficheiros adxuntos: o 38 % das consultas relacionadas coa escola inclúe algún documento ou outro tipo de arquivo.
A xeración de contidos é outro dos ámbitos cunha actividade elevada. Gemini crea máis de 150 millóns de imaxes cada día e permite xerar imaxes, vídeo e audio desde un mesmo servizo, unha combinación que Google sinala como especialmente útil para pequenas empresas que precisan elaborar materiais de mercadotecnia.
En Android, Gemini pode automatizar accións en máis de 40 aplicacións populares, desde a reserva de transportes ata a procura de restaurantes e a realización de reservas.
A aplicación tamén supera os 100 millóns de usuarios activos en iOS. Os usuarios máis intensivos de macOS realizan aproximadamente o dobre de consultas que os usuarios doutras plataformas.

