
Dende o lanzamento dos auriculares AirPods Pro 2 nos EE.UU. a compañía de Cupertino promociona o seu uso como dispositivos para axudar á audición, algo que polo momento non poden facer en territorios como España (por non ter acadado autorización das autoridades sanitarias correspondentes), e agora é Samsung a compañía que se suma á tendencia anunciando que a función de audiófono dos Galaxy Buds recibiu a autorización da Administración de Alimentos e Medicamentos de Estados Unidos (FDA), permitindo utilizar determinados auriculares da marca como dispositivos auditivos de venda libre (OTC) para usuarios maiores de 18 anos con perda auditiva percibida de leve a moderada.
A prestación está deseñada para facilitar a percepción de determinados sons, como voces afastadas, murmurios ou frecuencias altas, e non require receita médica nin acudir previamente a unha clínica. A función pode axustar a amplificación de maneira personalizada segundo o perfil auditivo do usuario e incorpora tecnoloxías como a redución de ruído e a formación de feixes (beamforming) para favorecer a captación dos sons situados diante do usuario.

O proceso comeza coa función Proba Auditiva, que permite realizar unha audiometría tonal desde o propio menú dos Galaxy Buds en aproximadamente cinco minutos. O sistema analiza cada oído por separado e xera un audiograma que clasifica a audición como normal ou dentro de catro niveis de perda auditiva: leve, moderada, severa ou profunda.
O axuste da amplificación baséase na fórmula clínica NAL-NL2, utilizada habitualmente para a adaptación de audiófonos con prescrición. Samsung asegura que o sistema foi sometido a estudos de validación clínica realizados con colaboración de institucións como Vanderbilt University Medical Center, San Jose State University e University of Memphis, ademais dos traballos desenvolvidos cos National Acoustic Laboratories (NAL) e Samsung Medical Center (SMC).
A compañía leva desde 2020 desenvolvendo funcións orientadas á saúde auditiva. Ese ano incorporou aos Galaxy Buds+ unha función de produto persoal de amplificación de son (PSAP), que posteriormente foi validada clinicamente como ferramenta para facilitar a comunicación diaria de persoas con perda auditiva.
A información relacionada coa saúde auditiva, incluídos os resultados das probas e os niveis de exposición ao ruído, tamén pode consultarse desde Samsung Health. A función de audiófono e a Proba Auditiva están integradas nos Galaxy Buds compatibles e non precisan dunha aplicación independente.
As novas prestacións chegarán aos Galaxy Buds3 Pro e Galaxy Buds4 Pro nos Estados Unidos e noutros mercados autorizados a partir do cuarto trimestre de 2026. O seu funcionamento require un dispositivo Galaxy compatible con One UI 8 ou posterior. A función de audiófono está destinada exclusivamente a maiores de 18 anos con perda auditiva percibida de leve a moderada e non substitúe a avaliación ou o tratamento por parte dun especialista.

