
Insta360 presentou a Insta360 X6, unha cámara de 360 graos que incorpora gravación en 8K, dous sensores Sony de 1/1,1 polgadas e un sistema de procesamento baseado en tres chips, ademais de funcións de edición automática mediante intelixencia artificial. A cámara combina captura esférica, gravación convencional en 4K con seguimento de suxeitos e un modo de cámara de acción cunha soa lente.
Os dous sensores cadrados de 1/1,1 polgadas están deseñados para ofrecer unha superficie de captación un 33 % maior ca na xeración anterior e, segundo as especificacións facilitadas por Insta360, permiten captar aproximadamente catro veces máis luz por imaxe. O sistema complétase cun procesador de oito núcleos fabricado en 4 nm e dous chips dedicados ao procesamento de imaxe. A marca sinala un incremento do 500 % na potencia de cálculo respecto da X5, cunha frecuencia de funcionamento un 106 % superior e un consumo enerxético un 35 % inferior.
A Insta360 X6 pode gravar vídeo 360 en 8K a 50 fotogramas por segundo e incorpora o sistema AdaptiveTone 2.0, que analiza cada lente por separado e realiza dúas exposicións por fotograma para ampliar o rango dinámico. Tamén dispón dun modo específico para escenas con pouca luz que utiliza dous sensores de luz ambiental para reducir o pestanexo. É, ademais, a primeira cámara 360 da marca con Dolby Vision integrado de forma nativa. A gravación en 10 bits permite representar máis de 1.070 millóns de cores.

A cámara tamén pode funcionar sen depender da captura 360. O modo dunha soa lente permite gravar ata en 5K a 60 fps, cunha óptica ultra gran angular de ata 170 graos en 5K a 30 fps, mentres que a gravación a cámara lenta alcanza os 4K a 120 fps. O sistema InstaFrame 2.0 engade gravación convencional en 4K con detección e seguimento automático de persoas, animais ou obxectos.
O procesamento de vídeo incorpora Insta360 PanoMind, un modelo de IA desenvolvido para analizar escenas 360. A función Director IA pode identificar momentos destacados e xerar automaticamente unha montaxe a partir das gravacións realizadas, sen enviar o contido á nube. A análise realízase directamente na cámara e a función pódese desactivar. A Edición automática 2.0 tamén permite crear montaxes a partir dun ou varios clips, deixando que a IA determine encadres, cortes, música e transicións.
O corpo integra unha pantalla OLED de 2,32 polgadas cun brillo máximo de 1.200 nits e control táctil. A batería Xtreme ten unha capacidade de 2.600 mAh e ofrece, segundo os datos do fabricante, ata 140 minutos de gravación 360 en 8K a 30 fps. A carga do 0 ao 80 % require aproximadamente 24 minutos. O funcionamento está garantido ata 20 graos baixo cero e o sistema de refrixeración Star-Ridge busca mellorar a disipación térmica durante as gravacións prolongadas.

As lentes son substituíbles e presentan unha resistencia a rabuñaduras cinco veces superior á xeración anterior, sempre segundo as cifras proporcionadas por Insta360. A X6 conta con certificación IP68 e pode utilizarse ata 20 metros de profundidade sen carcasa. Coa Funda de Mergullo Invisible Pro, a profundidade máxima aumenta ata os 60 metros. O equipamento incorpora tamén 47 GB de almacenamento interno.
A captación de son corre a cargo de catro micrófonos omnidireccionais. O sistema inclúe un modo específico para motociclismo que busca reducir o ruído do vento e manter o son do motor. A cámara pode conectar simultaneamente dous transmisores Insta360 Mic Air ou Insta360 Mic Pro mediante conexión directa.
A estabilización FlowState e o Bloqueo de horizonte 360 encarganse de manter estable e nivelada a imaxe. No apartado da conectividade, a Insta360 X6 incorpora NFC para facilitar o emparellamento, Wi-Fi 6.0 con transferencias de ata 100 MB/s, USB 3.0 con velocidades de ata 450 MB/s e Bluetooth para acelerar a conexión con dispositivos compatibles.

De cara á posprodución inclúe o perfil I-Log e gravación en 10 bits. Insta360 Studio, dispoñible para Mac e Windows, permite xestionar os clips 360, realizar o cosido, reencadrar as imaxes e exportar o material. A cámara tamén ofrece compatibilidade nativa con DaVinci.
Outra das funcións incluídas é a captura espacial, que permite transformar determinadas gravacións 360 nun modelo tridimensional mediante tecnoloxía de dispersión gaussiana. A aplicación Insta360 pode reconstruír a escena como un espazo 3D explorable. A función está dispoñible actualmente na X6, X5 e X4 en determinados modos e pode estar limitada segundo a rexión.
O ecosistema complétase co servizo Insta360+, que permite realizar copias de seguridade automáticas na nube mentres a cámara se carga, con ata 2 TB de almacenamento. Os contidos tamén poden utilizarse con Moments Pro, unha ferramenta de edición na nube desenvolvida con Google Gemini que permite xerar vídeos a partir de parámetros como o tema, o estilo ou a duración.

A Insta360 X6 é compatible con máis de 100 accesorios e mantén o sistema de montaxe magnético utilizado por outros produtos da marca. Entre as opcións específicas figuran un selfie stick con batería, un mando a distancia con joystick, un selfie stick para o modo Bullet Time e un estoxo de carga para dúas baterías e dúas tarxetas SD. Para motociclismo existe un kit que engade funcións como visualización da velocidade, gravación en bucle e desenfoque automático das matrículas.
A Insta360 X6 está dispoñible, custando o Pack Estándar 699 euros, mentres que o Pack Básico ten un prezo de 799 euros.

