
Instagram renovou o seu logotipo tipográfico, o elemento composto unicamente polo nome da rede social que aparece na parte superior da aplicación. O deseño substitúe a versión empregada durante a última década e aposta por unha tipografía máis moderna, con referencias ao logotipo orixinal da plataforma.
O responsable de Instagram, Adam Mosseri, explicou que o cambio responde á necesidade de actualizar un elemento que non se modificara desde 2016. «Máis limpo e moderno, con referencias ao orixinal e á sinxeleza e artesanía que sempre caracterizaron Instagram», sinalou ao presentar o novo deseño.
A nova tipografía combina trazos de escritura cursiva con formas máis próximas á letra de imprenta. As modificacións son especialmente visibles nas letras s, r e g, que incorporan curvas máis pronunciadas. O resultado xerou reaccións diversas entre os usuarios, con comentarios que destacan a súa aparencia máis actual e outros que cuestionan a lexibilidade.
Unha das bromas máis repetidas nas redes sociais apunta precisamente á forma adoptada polo r, que para algúns usuarios fai que o nome pareza ler Instagzam. A elevada notoriedade da marca fai que, malia a modificación das formas tipográficas, o nome siga sendo facilmente identificable.
O cambio afecta unicamente ao wordmark e non implica, polo momento, unha renovación da icona da aplicación. Instagram mantén o símbolo baseado no degradado de cores que introduciu en 2016, cando abandonou a representación da cámara marrón con franxa multicolor que empregara ata entón.
O redeseño de 2016 supuxo unha transformación moito máis ampla da identidade visual de Instagram, coa introdución da actual icona degradada e unha estética máis colorida no conxunto da aplicación. Desde entón, o logotipo tipográfico permanecera sen cambios.

