
OpenAI está a dar un novo paso na integración entre actividade informática e intelixencia artificial coa chegada de Computer History, unha función que se estreou na aplicación de escritorio de ChatGPT para macOS. A ferramenta permite transformar a actividade recente do usuario en contexto útil para o modelo, creando unha liña temporal de tarefas, documentos consultados e interaccións que facilita retomar o traballo sen ter que reconstruír manualmente cada paso. A compañía destaca que esta capacidade busca interaccións máis personalizadas e con menos explicacións repetidas, algo que tamén subliñou nas mensaxes publicadas en X, onde se anuncia unha implantación global progresiva.

Segundo a documentación oficial, Computer History só comeza a rexistrar actividade cando o usuario activa a función e escolle que aplicacións e sitios web poden contribuír. O sistema non captura pantalla nin audio, senón un fluxo de eventos como clics, escritura, atallos de teclado ou cambios de aplicación, que se procesan en ficheiros locais e resumos de texto. Estes elementos permiten identificar documentos recentes, localizar conversas ou detectar patróns de traballo que poden derivar en habilidades reutilizables ou automatizacións. A cronoloxía diaria mostra títulos, descricións das tarefas e suxestións de acción, así como accesos directos para borrar ou revisar os ficheiros xerados.
OpenAI insiste en que o control permanece sempre do lado do usuario. É posible pausar ou deter a recollida, limitar as fontes incluídas, borrar períodos concretos de actividade ou limpar toda a historia. Tamén se advirte de que a función incrementa o risco de prompt injection, ao permitir que contidos de aplicacións e webs se convertan en contexto para o modelo, polo que se recomenda excluír fontes sensibles ou desactivar a función durante comunicacións con outras persoas. Os ficheiros temporais elimínanse automaticamente tras 48 horas, mentres que as memorias locais permanecen no sistema ata que o usuario decida borralas.

A chegada de Computer History está limitada polo momento a macOS e require ter activadas as Memories. Non está dispoñible mediante API nin en Amazon Bedrock, e tampouco se pode usar no Espazo Económico Europeo, Suíza ou o Reino Unido, aínda que OpenAI afirma que a expansión a estas rexións está prevista nas vindeiras semanas. Polo momento non detallan cando a ferramenta chegará a Windows e Linux (plataformas moito máis empregada que macOS por parte dos desenvolvedores que poderían tirar proveito da mesma).
Con esta función, OpenAI busca que ChatGPT se converta nun asistente capaz de comprender o fluxo real de traballo do usuario, reducindo friccións e automatizando procesos recorrentes. A aposta, con todo, chega acompañada dun debate crecente sobre privacidade, seguridade e a necesidade de ampliar a compatibilidade para que a integración entre actividade local e IA non quede restrinxida a unha plataforma concreta.

