
Na pasada edición do CES de Las Vegas o fabricante de accesorios retro 8BitDo deu a coñecer o seu FlipPad, un mando para xogar no móbil (con compatibilidade oficial co iPhone, aínda que tamén compatible con Android) que pode acomplarse ao smartphone para engadir sobre a parte inferior da súa pantalla un panel con botóns e cruceta ao máis puro estilo da Game Boy orixinal, buscando así replicar a experiencia da consola clásica de Nintendo.

Tras meses de espera o 8BitDo FlipPad xa é unha realidade, confirmándose que ten unhas dimensións de 70 x 66,5 x 19,7 milímetros e un peso de 31,5 gramos, e destacando pola súa conectividade USB-C (que evita os problemas de retardos e de vinculación, xa que funciona simplemente con pinchalo no teléfono).

A este lado do Atlántico está polo momento dispoñible a través de Amazon en Reino Unido a un prezo de 29,24 euros, aos que habería que engadir portes, o que explica tamén que en Amazon España o prezo actual sexa de 37,05 euros, pois estamos ante unha compra realizada a través da filial europea, detalle que probablemente muda nas vindeiras semanas, de xeito que estariamos ante un accesorio cun prezo de 29,99 euros (como moitos outros accesorios da marca). Xa é cousa de cadaquén ponderar se paga a pena o gasto para gozar dunha experiencia de xogo retro no móbil.

