
A Analogue e Supreme uniron forzas para lanzar dúas novas versións da consola portátil Analogue Pocket, realizadas en acabados metálicos vermello e dourado, como parte da colección de outono/inverno 2026 da firma de moda.
As novas edicións manteñen a característica construción nunibody de aluminio da consola, pero incorporan acabados especiais. A versión dourada conta cun baño de ouro de 24 quilates, mentres que a vermella emprega un acabado brillante personalizado. Ambas incorporan o logotipo de Supreme tanto na parte frontal como na traseira.

Supreme aínda non revelou o prezo destas edicións especiais. A firma indica que a súa colección de outono/inverno 2026 estará dispoñible a partir do 20 de agosto, polo que será previsiblemente nesa data cando se coñeza tamén o custo da Analogue Pocket x Supreme. A versión convencional da consola ten actualmente un prezo de 239,99 dólares (aínda que é habitual que teñan problemas de abastecemento).

A colaboración chega sete anos despois da presentación orixinal da Analogue Pocket, unha consola que apostou por recuperar os cartuchos físicos das máquinas portátiles clásicas fronte á habitual fórmula baseada na emulación e nos xogos preinstalados.
A proposta da Pocket céntrase na compatibilidade directa cos cartuchos de Game Boy, Game Boy Color e Game Boy Advance, con soporte para máis de 2.780 xogos destes sistemas, ademais de adaptadores para empregar títulos de Game Gear, Neo Geo Pocket Color, Atari Lynx e outras plataformas. A consola utiliza hardware baseado en FPGA para reproducir o funcionamento das máquinas orixinais, en lugar de recorrer á emulación tradicional mediante software.

A pantalla LCD de 3,5 polgadas ofrece unha resolución de 1.600 x 1.440 píxeles, moi superior á da Game Boy orixinal, e o dispositivo tamén foi concibido para outros usos relacionados co videoxogo e a creación musical. Entre as súas funcións inclúese Nanoloop, un sintetizador e secuenciador orientado á creación de música electrónica.
A Pocket tamén pode conectarse a unha base para levar a experiencia ao televisor mediante HDMI e utilizar ata dous mandos USB ou Bluetooth. Esta combinación de compatibilidade cos cartuchos orixinais, hardware específico e posibilidades de conexión converteuna nunha proposta especialmente orientada aos coleccionistas de sistemas portátiles clásicos.
As novas edicións de Supreme forman parte dunha colección que tamén inclúe outros produtos tecnolóxicos ou relacionados coa electrónica de consumo, entre eles unha cámara Kodak Super 8, un aspirador Dyson V12 Detect, unha lámpada Jamo Capsule, un altofalante JBL Go 5 e un conxunto de micrófonos sen fíos con receptor.

