
Kingdom Hearts IV foi un dos grandes protagonistas de D23: The Ultimate Disney Fan Event 2026, celebrado a pasada fin de semana en Anaheim. O evento deixou unha das maiores actualizacións desde o anuncio do xogo en 2022: un novo tráiler revelou o mundo baseado en Coco, confirmou novas posibilidades de xogo con Mickey Mouse, Donald e Goofy e fixou o lanzamento para finais de 2027.
A presentación inicial no Disney Entertainment Showcase mostrou a Sora no mundo inspirado na película de Pixar, incluíndo a súa chegada á Terra dos Mortos. O novo escenario sitúase así xunto a Quadratum, a cidade de aspecto realista inspirada en Tokio que serve como un dos principais escenarios desta nova etapa da saga. Coco é o primeiro mundo de Disney ou Pixar confirmado oficialmente para Kingdom Hearts IV, títuloque chegará a Nintendo Switch 2, PlayStation 5, Xbox Series X|S e PC a finais de 2027.
O tráiler estendido presentado durante o panel Deep Dive into Kingdom Hearts permitiu ver moito máis do xogo. Ademais de Sora, Mickey Mouse, Donald e Goofy terán segmentos xogables propios mentres tentan descubrir o paradoiro do protagonista. A presenza dos tres personaxes clásicos supón unha novidade especialmente relevante para a serie, xa que amplía de maneira considerable o número de personaxes controlables nunha entrega principal.

Mickey protagoniza ademais unha secuencia cunha estética diferenciada, ambientada nun mundo de aspecto similar a un libro ilustrado. Donald e Goofy aparecen en segmentos de combate nos que poden participar directamente na acción. O material mostrado tamén recupera a combinación de acción, mobilidade e transformacións da Chave Espada que caracteriza o sistema de combate da nova entrega.
A historia continuará o arco coñecido como Lost Master, iniciado tras os acontecementos de Kingdom Hearts III. Sora permanece atrapado en Quadratum, mentres os seus aliados tentan localizalo e recuperalo. O novo material tamén volveu mostrar a Riku e ofreceu novas pistas sobre a situación dos distintos personaxes, aínda que a información narrativa continúa deliberadamente limitada.

A presenza de Coco encaixa coa fórmula que define a saga desde a súa primeira entrega: combinar mundos e personaxes de Disney con elementos propios de Square Enix. D23 lembra que Kingdom Hearts debutou en 2002 e que Kingdom Hearts III chegou en 2019, mentres que a cuarta entrega iniciará unha nova etapa narrativa tras o peche da saga de Xehanort.
Durante o panel do D23, Tetsuya Nomura, creador da franquía, e Tai Yasue, codirector do xogo, confirmaron que o desenvolvemento do xogo avanza a bo ritmo, confiando en cumprir o seu calendario de lanzamento.
A actualización chega despois de varios anos con escasa información pública sobre o proxecto. Kingdom Hearts IV foi anunciado en abril de 2022 e non recibiu unha presenza continuada nos eventos posteriores, aínda que en xuño deste ano Square Enix xa confirmou que a versión para PC chegaría simultaneamente coas demais plataformas e abriu a porta á súa distribución en Steam.

O proxecto non se limitará ao videoxogo. Disney anunciou durante o Entertainment Showcase unha serie de anime titulada provisionalmente Kingdom Hearts, actualmente en desenvolvemento para Disney Channel e Disney+. A produción contará coa colaboración de Tetsuya Nomura e do equipo creativo relacionado con Kingdom Hearts IV, pero aínda non ten data de estrea nin se detallou a súa historia. Tratarase dunha narración orixinal ambientada no universo da franquía.

