
Firefox xa permite utilizar GeForce NOW en Windows, polo que os usuarios do navegador de Mozilla poden acceder ao servizo de xogo na nube sen instalar o cliente específico de nVIDIA. A compatibilidade permite transmitir máis de 2.000 xogos de PC desde o navegador.
A integración chega tras varios meses de traballo conxunto entre Mozilla e nVIDIA para adaptar o servizo ás esixencias do xogo na nube. Os usuarios de GeForce NOW Ultimate poderán acceder a emisións de ata 1440p e 120 fotogramas por segundo, sempre que a súa conexión e o xogo sexan compatibles con estas prestacións.
O servizo permite acceder desde Firefox aos xogos das bibliotecas de Steam, Epic Games Store, GOG, Xbox PC Game Pass e Ubisoft Connect. Deste xeito, non é necesario descargar ou instalar os xogos no equipo, xa que o procesamento ten lugar nos servidores de nVIDIA.
A versión para Firefox tamén permite utilizar funcionalidades do navegador como Split View para manter, por exemplo, unha chamada de Discord ou unha guía aberta mentres se xoga, ademais das opcións de personalización propias de Firefox.
Para utilizar GeForce NOW en Firefox cómpre actualizar o navegador á versión máis recente, acceder a play.geforcenow.com e iniciar sesión coa conta do servizo. nVIDIA tamén anticipa novidades sobre esta colaboración durante a súa presenza en Gamescom, a partir do 25 de agosto.

