
Xbox Game Pass incorporará nove novos xogos ao seu catálogo entre o 18 de agosto e o 1 de setembro, con varios lanzamentos dispoñibles desde o primeiro día no servizo. A segunda vaga de novidades do mes inclúe propostas de xéneros moi diferentes, desde aventuras de acción ata simuladores de vida, xogos roguelite e experiencias independentes.
Egging On xa está dispoñible desde hoxe na nube, Xbox Series X|S, dispositivos portátiles e PC. O título propón controlar un ovo que debe escapar dunha granxa atravesando diferentes contornas mediante saltos, desprazamentos e escalada. O xogo pasa tamén a estar incluído no nivel Game Pass Premium, ademais de Ultimate e PC Game Pass.
O 19 de agosto chegará Vapor World: Over the Mind en acceso anticipado para a nube, consola e PC, incluído desde o primeiro día en Game Pass Ultimate e PC Game Pass. Trátase dun xogo de plataformas con elementos souls-like e unha marcada compoñente narrativa, no que o combate se basea principalmente na capacidade para desviar os ataques inimigos. A aventura transcorre dentro da mente dun rapaz que tenta recuperar os seus recordos nun mundo marcado pola dor e o arrepentimento.
Na mesma data estará dispoñible BlazBlue Entropy Effect X, un roguelite de acción ambientado no universo de BlazBlue. A versión para Xbox Series X|S incorpora tamén unha actualización de contido que engade a Platinum ao elenco de personaxes. O xogo poderá utilizarse mediante a nube, Xbox Series X|S e PC e pasa a formar parte dos catálogos Premium, Ultimate e PC Game Pass.
Tamén o 19 de agosto chegará Relooted, unha aventura de roubos con ambientación afrofuturista. O xogador deberá recuperar artefactos africanos expostos en museos occidentais, formando un equipo, planificando as rutas de escape e executando os golpes. Estará dispoñible na nube, Xbox Series X|S e PC para os subscritores de Premium, Ultimate e PC Game Pass.
Starsand Island será a seguinte incorporación, o 20 de agosto. O título aposta por unha experiencia de vida rural tranquila nunha illa na que será posible pescar, explorar o Bosque ao Luar e relacionarse con animais como capibaras, gatos e cans. Estará dispoñible na nube , Xbox Series X|S e PC para Game Pass Premium, Ultimate e PC Game Pass.
O 25 de agosto incorporaranse dous títulos. Aerial_Knight’s DropShot combina disparos en primeira persoa e carreiras a alta velocidade nunha proposta estilizada protagonizada por Smoke Wallace, un personaxe que pode disparar proxectís cos dedos despois de adquirir poderes tras ser mordido por un dragón radioactivo. Chegará á nube, Xbox Series X|S, dispositivos portátiles e PC.
O outro título do día sería Blood Dungeon, un xogo de plataformas en 2D centrado na supervivencia e desenvolvido polos creadores de Nidhogg. As partidas esixen atravesar mazmorras, esquivar e atraer monstros e recoller sangue e melloras para progresar. Os ósos obtidos durante as partidas poderán utilizarse nunha tenda para desbloquear melloras, áreas, aspectos e outros contidos. O lanzamento estará dispoñible desde o primeiro día na nube, Xbox Series X|S e PC para Game Pass Ultimate e PC Game Pass.
A principal incorporación desta vaga será Resonance: A Plague Tale Legacy, que chegará o 27 de agosto á nube, Xbox Series X|S, dispositivos portátiles e PC. O xogo, dispoñible desde o primeiro día en Game Pass Ultimate e PC Game Pass, segue a viaxe de Sophia ata a Illa do Minotauro. A protagonista terá que superar probas, resolver crebacabezas e combater mentres tenta escapar do exército que a persegue, ao tempo que descobre a verdadeira natureza da criatura asociada ao mito do Minotauro.
Young Suns chegará o 31 de agosto coa súa versión 1.0. Este simulador de vida narrativo está ambientado despois dunha revolución de éxito en Xúpiter e permite explorar planetas, ruínas e estacións reconvertidas tanto en solitario como cun grupo de ata tres amigos. Estará dispoñible na nube, consola e PC para Game Pass Premium, Ultimate e PC Game Pass.
A segunda vaga pecharase o 1 de setembro con Shelldiver, un xogo incremental no que unha tartaruga se dedica a pescar medusas para vendelas na súa pequena tenda. A progresión permite mellorar o equipamento, explorar diferentes biomas e profundidades oceánicas e contribuír á recuperación da poboación local de tartarugas. Poderase xogar na nube, consola e PC mediante Game Pass Ultimate, Premium e PC Game Pass.

