
Riot Games anunciou que 2XKO cesará o seu desenvolvemento activo a finais de 2026 debido a que o xogo non acadou unha base de xogadores suficiente para garantir a súa sustentabilidade. Os servidores, con todo, permanecerán activos e o título seguirá sendo xogable de balde en PC, PlayStation 5 e Xbox Series X|S.
A decisión chega despois de analizar durante 2026 a evolución dos ingresos, a retención de xogadores, a incorporación de novos usuarios e o nivel de actividade. Riot sinala que actualizacións como as protagonizadas por Akali, Senna e Thresh, así como a chegada do modo PvE The Climb e diversos eventos competitivos, provocaron reaccións positivas, pero non conseguiron modificar de maneira significativa e sostida a tendencia do xogo.
«2XKO cústanos substancialmente máis operar do que xera, e a participación mantívose relativamente estable a pesar das nosas maiores actualizacións», explica Riot. A compañía tamén afirma que avaliou alternativas como reducir o tamaño do equipo, modificar a frecuencia das actualizacións ou cambiar o modelo de negocio, pero concluíu que completar o contido xa en desenvolvemento e deter o desenvolvemento activo era a mellor opción.

Ata o final de 2026 chegarán dúas novas campioas. Lux incorporarase o 8 de setembro coa actualización 1.3.1, mentres que Samira será a última campioa do xogo e chegará en outubro coa versión 1.3.3. Esta última actualización será o derradeiro parche importante de contido.
A actualización 1.3.1 tamén introducirá cambios importantes no modelo de progresión. Todos os campións pasarán a estar desbloqueados para todos os xogadores, mentres que os obxectos para avatares, determinadas variantes cosméticas, escenarios e elementos do perfil poderán obterse mediante Credits. Tamén desaparecerán os Battle Passes, os KO Points, os Champion Tokens, as tempadas e os eventos.
O modo Ranked será eliminado e o matchmaking concentrarase nas partidas Casual, aínda que estas continuarán agrupando xogadores segundo o seu nivel. As salas privadas non se verán afectadas e, ademais, poderán albergar ata 40 xogadores, incorporando chat de voz e un mapa de maiores dimensións.

Riot tamén prepara o 2XKO Ultimate Bundle, que custará 39,99 euros e reunirá as skins, chromas e provocacións dos campións publicados ata Lux, ademais dos finishers dispoñibles. Coa chegada de Samira, o paquete actualizarase automaticamente para incluír o resto dos elementos cosméticos.
A editora iniciou xa o proceso de devolución do diñeiro gastado en 2XKO ata o 20 de agosto. Nos xogadores de PC, os KO Points e as compras da Starter Edition realizadas antes desa data serán reembolsados ao método de pagamento utilizado. Riot prevé distribuír a maior parte dos reembolsos nas vindeiras semanas e completar o proceso antes de novembro. En PlayStation e Xbox, os reembolsos tramitaranse a través das respectivas plataformas.
Os KO Points deixaron de poder mercarse o 20 de agosto, aínda que os que permanezan nas contas poderán utilizarse na tenda rotatoria antes da actualización 1.3.1. Os contidos xa adquiridos seguirán pertencendo aos xogadores.
O último parche previsto, a versión 1.3.5, chegará en decembro se é necesario e estará centrado principalmente na corrección de erros, sen introducir novo contido importante. A partir dese momento, os servidores continuarán operativos e Riot dará aviso con antelación se se produce algún cambio nesta situación.
A competición oficial manterase sen cambios durante o resto de 2026, incluíndo os premios dos eventos Major e Challenger. O último torneo da Competitive Series celebrarase en novembro. A partir de 2027, os organizadores poderán seguir celebrando competicións de 2XKO, tanto en liña como presenciais, de acordo coas directrices de competición da comunidade.
Riot recoñece que a comunidade de xogos de loita respondeu positivamente a 2XKO en determinados segmentos, especialmente entre os afeccionados aos xogos de loita por equipos. Porén, considera que esa aceptación non foi suficiente para alcanzar a masa de xogadores necesaria para manter o investimento e o ritmo de desenvolvemento inicialmente previsto.
