Shokz ampliou a súa gama de auriculares de deseño aberto con dous novos modelos que poñen o foco no confort durante o uso prolongado. Os OpenRun Air 2 recorren á tecnoloxía de condución ósea e están especialmente orientados á práctica deportiva, mentres que os OpenFit Air 2 empregan un deseño de tipo gancho que reduce o peso de cada auricular ata os 7,2 gramos.
OpenRun Air 2: manteñen o compromiso con condución ósea

Os OpenRun Air 2 manteñen o concepto de condución ósea característico da marca, que deixa completamente libres os oídos e transmite o son a través dos ósos temporais sen ocupar o conduto auditivo. O novo modelo é máis dun 9 % máis pequeno que os OpenRun e ten un peso de 26,4 gramos.
O deseño tamén foi revisado para repartir mellor a presión arredor das orellas. Os ganchos seguen a súa curvatura natural e o centro de gravidade foi desprazado cara adiante para reducir os movementos dos auriculares durante a carreira sen necesidade de aumentar a presión sobre as orellas.
A estrutura dunha soa peza dos ganchos e da banda posterior emprega unha aliaxe con memoria que contribúe a manter os auriculares no seu sitio durante a carreira, os saltos ou os cambios bruscos de dirección. Ademais, os OpenRun Air 2 están dispoñibles en dous tamaños para adaptar mellor o axuste a cada usuario.

A resistencia á auga tamén foi reforzada cunha certificación IP67, que permite utilizar os auriculares con suor e choiva e facilita a súa limpeza despois do exercicio.
A tecnoloxía de son PremiumPitch 3.0 incorpora un transdutor de condución ósea con dobre bobina e dobre lámina metálica, co obxectivo de mellorar especialmente os graves e ofrecer medios máis suaves e agudos máis detallados. A autonomía chega ás 10 horas e unha carga rápida de cinco minutos permite obter ata dúas horas adicionais de reprodución.
As chamadas tamén se benefician dun sistema de dous micrófonos combinado con redución de ruído mediante intelixencia artificial, que busca mellorar a claridade da voz e reducir a incidencia do vento. A aplicación Shokz permite ademais modificar o ecualizador, configurar a conexión multipunto, localizar os auriculares e instalar actualizacións de firmware.
OpenFitAir 2: agora, máis lixeiros

Os OpenFit Air 2 seguen unha filosofía diferente, aínda que comparten o obxectivo de reducir o peso. Cada auricular pesa 7,2 gramos (cunha tolerancia de ±0,2 gramos), o que os converte na xeración máis lixeira da gama de auriculares abertos con gancho da marca.
Chegar a ese peso requiriu case un ano de desenvolvemento, cinco grandes iteracións de deseño e máis de 150 modificacións. O traballo centrouse no conxunto do produto, revisando a xeometría do transdutor, a cámara acústica, o módulo principal e a estrutura exterior para eliminar peso sen comprometer a estabilidade nin o son.
A batería foi redeseñada para ocupar menos espazo e deixar sitio ao sistema Bassphere 2.0, formado por dous altofalantes circulares de 11,8 milímetros de alta sensibilidade. Esta disposición permitiu reducir o grosor do módulo mantendo unha resposta nos graves que Shokz sitúa nun nivel similar ao dun transdutor personalizado de 16 milímetros.

A posición dos altofalantes tamén foi modificada. O módulo está inclinado 30 graos e o conxunto acústico presenta unha inclinación interior de 14 graos, cambios destinados a acurtar o percorrido do son ata o conduto auditivo, mellorar a eficiencia acústica e reducir a presión sobre a cara.
A redución de peso non implicou facer máis fráxiles todos os compoñentes. Mentres a estrutura exterior do gancho foi afinada, o fío interno de titanio aumentou o seu diámetro ata os 0,75 milímetros para proporcionar maior rixidez e manter a estabilidade durante actividades con moito movemento.
O deseño foi sometido ademais a máis de oito meses de probas, con centos de horas de avaliación ás cegas e usuarios con diferentes formas de orella. O obxectivo era comprobar o confort en situacións reais e non só a partir das especificacións do deseño.
Os OpenFit Air 2 incorporan tamén a tecnoloxía OpenBass 2.0 para reforzar as frecuencias graves, dous micrófonos con redución de ruído mediante intelixencia artificial e botóns sensibles á presión destinados a reducir os toques accidentais. A autonomía total chega ás 36 horas ao combinar a batería dos auriculares coa do estoxo de carga.
