
Tras o peche da meirande parte das revistas de videoxogos en todo o mundo, temos agora unha especie de retorno tranquilo, con cabeceiras que volven ao papel dun xeito máis discreto (como MicroHobby e Micromanía), normalmente recorrendo a subscricións e sistemas de compra anticipada para evitar os riscos dunha edición tradicional.
A esta tendencia sumouse Game Informer, revista que incluso chegou a morrer en dixital, e que tras un regreso á Rede, anunciou que preparaba o seu retorno ao papel, comezando polos EE.UU., e agora dando tamén o salto internacional, o que supón un importante incremento de prezo por mor dos gastos de envío.
Deste xeito temos que quen desexe facerse cos 10 números ao ano da revista, así como acceso premium á edición dixital (incluíndo acceso ao arquivo dixital, menos publicidade, contido exclusivo e outro contidos extra), deberá pagar 139,99 euros ao ano, moi lonxe dos 59,99 dólares que se pagan en EE.UU., pero que non se afasta dos prezos que se pagan normalmente polas revistas de importación ou incluso polas mencionadas revistas españolas Pixels, MicroHobby e Micromanía.
Unha boa oportunidade para os nostálxicos deste tipo de publicación, que neste caso non ten un carácter retro, senón que aborda a actualidade do sector dos videoxogos apostando pola profundidade e o coidado propio dunha publicación impresa. Dende Game Informer recomendan aos interesados que se subscriban agora mesmo, xa que o seu vindeiro número será no que celebrarán o seu 35º aniversario, polo que terán contidos moi especiais (e incluso incluirán un poster para celebrar a data).
