
Mentres se agarda ao evento de Apple no que se presentarán os novos iPhone, coméntase que é posible que antes do evento se produza o lanzamento dun novo modelo de Mac mini, que leva preto de 2 anos sen actualizarse. Esta información chegaría de fontes coñecedoras dos plans da compañía segundo Mark Gurman (Bloomberg).
As probas internas incluíron configuracións equipadas tanto con procesadores M5 como coa seguinte xeración M6, polo que aínda non está claro que chip chegará finalmente ao modelo comercial. A renovación prodúcese nun momento no que o Mac mini experimentou un forte incremento da demanda, especialmente como equipo para executar localmente aplicacións de intelixencia artificial.
A dispoñibilidade do modelo actual viuse afectada nos últimos meses pola escaseza de chips de memoria, que provocou atrasos de semanas ou mesmo meses nas entregas (chegando incluso a retirar de catálogo o modelo con 256 GB de almacenamento).
Moitos lanzamentos en preparación

O novo Mac mini formará parte dunha ampla renovación da gama de produtos de Apple durante a segunda metade de 2026. A compañía prepara para setembro a presentación do iPhone 18 Pro e do seu primeiro iPhone encartable, ademais de novas xeracións do Apple Watch e dos AirPods.
Entre os novos auriculares estará o AirPods 5, a renovación do modelo de entrada da gama, que non recibía unha actualización desde 2024. A versión dos AirPods equipada con cámaras, pola contra, mantén o lanzamento previsto para 2027.
Apple tamén prepara o seu primeiro dispositivo para o fogar intelixente equipado cunha pantalla. O produto empregará recoñecemento facial para identificar os usuarios e mostrar contido personalizado. A esta proposta sumaranse unha nova xeración do Apple TV e unha actualización do HomePod mini.
O iPad mini recibirá igualmente unha renovación antes de que remate outubro, cunha pantalla OLED que mellorará a calidade de imaxe e achegará o modelo ás prestacións dos iPad de gamas superiores.
A gama Mac terá máis novidades nos vindeiros meses, aínda que algunhas chegarán máis adiante. Entre elas estarán un novo iMac con opcións adicionais de cor e un MacBook Pro de entrada renovado, ambos baseados na xeración M6.
A renovación máis relevante da gama será a chegada dos primeiros Mac con pantalla táctil. Os novos MacBook Pro de 14 e 16 polgadas incorporarán esta tecnoloxía xunto con novos deseños para as carcasas e paneis OLED.

