
Sony anunciou o Xperia 10 VIII, un novo modelo da súa liña de smartphones de gama estándar que aposta por mellorar a experiencia de visualización, o rendemento sonoro e a rapidez nas operacións cotiás. O dispositivo chegará ao mercado a mediados de setembro en tres cores de acabado translúcido (branco glacial, gris esmerilado e lila suave) e preséntase como unha evolución directa do modelo anterior, con cambios visibles tanto no hardware como na interacción co usuario. Por desgraza, o seu prezo será de 599 euros, o que a todas luces é demasiado para un dispositivo equipado cun procesador de gama media-baixa (que é o que leva, por exemplo, o Poco M8 5G, que ten un prezo de 209,99 euros).
A pantalla é unha das melloras máis destacadas. O novo panel incrementa a luminosidade máxima nun 50 % respecto á xeración previa, o que facilita a lectura en exteriores e baixo luz solar intensa.
O Xperia 10 VIII incorpora tamén o novo Point & Pay, un menú de acceso rápido a aplicacións de pago e servizos de puntos que se activa premendo dúas veces o botón de acendido. A función está deseñada para reducir tempos de espera en caixas e facilitar operacións cotiás, permitindo abrir aplicacións móbiles coa man non dominante e sen navegar pola interface principal.

A cámara recibe un impulso en usabilidade grazas a un botón físico de obturador que activa a aplicación de forma instantánea, mesmo coa pantalla apagada. Esta integración busca facilitar capturas rápidas en calquera condición de luz, aproveitando sensores de maior tamaño e unha resposta máis áxil.
A autonomía é outro dos piares do dispositivo. A batería está deseñada para ofrecer ata dous días de uso e manter unha degradación mínima durante catro anos. O teléfono combina 8 GB de RAM física con ata 6 GB de RAM virtual, unha configuración pensada para mellorar a fluidez na multitarefa e acelerar o cambio entre aplicacións. A marca comprométese ademais a ofrecer ata catro actualizacións de Android e seis anos de parches de seguridade.
O Sony Xperia 10 VIII aposta por unha estética de capa translúcida inspirada na natureza, con materiais transparentes e acabado mate que lle dan unha textura lixeira e refinada. A funda oficial con soporte integrado permite consumir vídeo tanto en vertical como en horizontal, mantendo a coherencia estética co dispositivo.
Co Xperia 10 VIII, Sony volve demostrar o abandonada que ten a súa división móbil, con produtos que dificilmente poden atopar un oco no mercado, dadas as súas prestacións modestas e os seus prezos desorbitados, sen esquecer que no apartado fotográfico non consegue destacar pese a que é o principal provedor de cámaras de móbil do mundo. Dá a impresión de que só mantén a súa división móbil por motivos de reputación, xa que na actualidade nin sequera fabrican en instalacións de seu.
