
CD Projekt Red anunciou The Witcher 3: Wild Hunt – Remastered, unha nova versión do seu coñecido xogo de rol que chegará o 29 de setembro con importantes melloras gráficas, técnicas e de xogo. A actualización será de balde para todos os propietarios do xogo en GOG, Steam, Epic Games Store, PlayStation 5 e Xbox Series X|S. Tamén estará dispoñible en Battle.net e Nintendo Switch 2.
A remasterización introduce un amplo conxunto de cambios destinados a actualizar a experiencia máis de once anos despois do lanzamento orixinal. Entre eles figuran un sistema de combate mellorado, con novas animacións de remate e efectos para os sinais de bruxo, así como movementos e desprazamentos revisados, con cambios nas mecánicas de escalada e acceso a superficies.
Os comportamentos dos monstros tamén serán mellorados, mentres que o xogo incorporará unha nova árbore de habilidades, un modo fotografía ampliado e un sistema de transfiguración que permitirá conservar as estatísticas dun obxecto mentres se utiliza visualmente o aspecto doutro.

A actualización tamén incluirá soporte para mods multiplataforma, novas funcións de accesibilidade, meditación inmersiva, seguimento renovado das misións, unha interface revisada, cambios no sistema de botín, animacións refinadas, novas texturas e unha iluminación global renovada. Tamén se introducirán melloras no HDR, o trazado de raios e o sombreado, ademais de soporte para PS5 Pro e Xbox Play Anywhere.
No apartado técnico, a versión para PC engadirá soporte para nVIDIA DLSS 4.5, AMD FSR 4 e Intel XeSS 2.0, así como path tracing, Ray Reconstruction e cabelo con trazado de raios. O xogo empregará tamén DX12 de forma nativa e contará con paralelización do renderizado.
Os propietarios do xogo base recibirán ademais de maneira gratuíta as dúas expansións publicadas ata agora, Hearts of Stone e Blood and Wine, que tamén pasarán a formar parte da edición Remastered. Quen xa posúa The Witcher 3 en Nintendo Switch poderá reclamar a remasterización en Nintendo Switch 2 cando estea dispoñible.
Nova expansión para The Witcher 3

O anuncio chega acompañado dunha segunda novidade para a saga. CD Projekt Red presentou The Witcher 3: Wild Hunt — Songs of the Past, unha nova aventura protagonizada por Geralt de Rivia que se desenvolverá na rexión de Letten, con novas misións, personaxes e segredos. A expansión chegará en 2027 a GOG, Steam, Epic Games Store, Battle.net, PlayStation 5, Xbox Series X|S e Nintendo Switch 2.

O estudio tamén confirmou un acordo con Blizzard para levar The Witcher 3: Wild Hunt – Remastered a Battle.net, plataforma na que xa se pode realizar a reserva da nova versión. Songs of the Past tamén pode engadirse á lista de desexos.

