
A Deputación de Pontevedra fixo balance do apoio brindado dende a Administración provincial á xeración de contidos audiovisuais no actual mandato. Segundo informou, leva mobilizados preto de 1,4 millóns de euros para apoiar a captación de rodaxes, pór en marcha o circuíto Rías Baixas Film Fest, traer os Premios Mestre Mateo á provincia ou colaborar coas principais asociacións do sector en Galicia en proxectos de investigación, networking e posta en valor da súa profesión.
Ademais, a Deputación leva a cabo un traballo de custodia do patrimonio audiovisual pontevedrés e, desde 2024, conta coa Rías Baixas Film Commission, guiando as produtoras interesadas en rodar na provincia e coa captación de máis de 50 rodaxes derivadas das consultas xestionadas na oficina.
Rías Baixas Acción

A Deputación ten na actualidade aberto o prazo de solicitude da liña de patrocinios con entidades privadas no ámbito das producións audiovisuais, o programa Rías Baixas Acción, que conta cun orzamento de 170.000 euros (un incremento do 61% de recursos fronte á convocatoria de 2024). En virtude deste programa, durante o actual mandato xa se mobilizaron 275.000 euros para apoiar economicamente a produción dun total de 19 proxectos audiovisuais.
Por unha banda, a Deputación destina este ano 100.000 euros para o patrocinio de curtas, longametraxes e series, e outros 70.000 euros para documentais de longa duración ou curtas documentais e tamén pódcasts documentais, con axudas que oscilan entre os 3.000 e os 25.000 euros segundo a categoría, e sempre sen exceder o 50% do orzamento total do proxecto.
Os recursos provinciais financiaron longametraxes como San Simón, As liñas descontinuas, Algo novo que contar, A morte nos teus ollos, Me has robado el corazón, O pesadelo das vacas e Os salmos.
Tamén as curtametraxes Monstera, Así chegou a noite, Translatio, Avisa cando chegues e Señora azul. Ademais, desde o ano 2025 os documentais tamén se poden acoller a esta liña de patrocinios. Ata o momento, financiáronse os proxectos Antes de antes, Tinta femia, Que é unha montaña?, A Pontevedra de Antonio Palacios, Mary Quinteiro, máis de 90 anos de creatividade, Baleas, naufraxios e outras historias do fin do mundo e Correntes do Atlántico.
Rías Baixas Film Commission

A Deputación destacou o importante papel xogado pola Rías Baixas Film Commission, a oficina de xestión provincial que ofrece un apoio integral e gratuíto ás produtoras, facilitando a xestión de trámites, permisos e asesoramento loxístico especializado. A oficina xa acadou o recoñecemento dos premios Aneis de Ouro outorgados polo Círculo de Profesionais das Series Españolas, sendo finalista na categoría de Mellor Film Commission.
Máis polo miúdo, desde a súa posta en marcha en novembro de 2024 e ata xuño de 2026, a Rías Baixas Film Commission realizou preto de 500 xestións e respondeu un total de 75 consultas, cunha taxa de éxito de máis do 75% e unha repunta nos primeiros seis meses de 2026, chegando ata o 88%.
A Deputación de Pontevedra destacou que “unha das principais actividades da Film Commission é o traballo sobre propostas de localizacións”, das que se enviaron soamente neste ano preto de 70 propostas. 43 localizacións de 20 concellos xa están a acoller rodaxes de Netflix, RTVE, Atresmedia ou a CSAG (antiga CRTVG) grazas ao seu labor, especialmente no mes de abril e principios do mes de xuño.
No ano 2025 Pontevedra acolleu un total de 62 producións audiovisuais, un 5% máis que o ano anterior, con 25 millóns de euros mobilizados e 9 millóns de gasto directo na provincia (aloxamentos, restauración, transporte ou loxística). Durante o primeiro semestre de 2026 a provincia acolleu unha trintena de rodaxes.
A Rías Baixas Film Commission puxo en marcha este ano a Guía de Rodaxe nas Rías Baixas, a primeira a nivel provincial en Galicia, concibida como “unha ferramenta que centraliza información útil para produtoras e profesionais do sector facilitando o acceso a recursos, procedementos, contactos e servizos vinculados ás rodaxes”.
800.000 euros para festivais e proxectos audiovisuais e colaboración coas asociacións do sector
A Deputación tamén leva mobilizado preto de 800.000 euros no marco da liña de axudas a festivais audiovisuais da provincia e nas axudas para a edición de traballos en galego en múltiples formatos, entre eles o audiovisual. Os Rías Baixas Film Fest (este ano composto polo Festival de Cans, Play-Doc, FIC Bueu, Novos Cinemas, Curtas Festival do Imaxinario, Galician Freaky Film Festival e, como novidade este ano, a incorporación do MAC Marín) recibiron 535.000 euros, pasando de 165.000 euros en 2024 a 200.000 euros en 2026. Ademais, na liña de edición editáronse máis de 40 proxectos con contido audiovisual cunha inxección superior aos 250.000 euros, con traballos sobre temáticas como o balneario de Mondariz, as gamelas de Cambados, a tradición do liño, a figura de Dona Urraca ou as tendas tradicionais de Pontevedra.
As axudas á edición están xestionadas polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, que custodia na actualidade uns fondos compostos por arredor de 2.700 referencias audiovisuais, conservando arquivos en múltiples formatos tanto analóxicos como dixitais de orixe, formato e temáticas moi variadas. Os fondos estrutúranse en tres coleccións: fondos propios da Deputación, audiovisual galego (de temática ou de creadores da provincia, especialmente curtametraxes e cinema documental) e patrimonio audiovisual (pezas de valor patrimonial, en soportes e formatos en risco de perda ou obsolescencia). Preto do 70% destes fondos están dixitalizados e a consulta e visionado dos fondos é libre, previa solicitude nas instalacións do servizo. Dende a Deputación lembran que algúns exemplos pódense ver en streaming (e na actualidade estase traballando para aumentar as gravacións dispoñibles en Depo Play ou nunha plataforma de streaming similar) e as referencias pódense consultar no buscador ATOPO.
A Deputación salienta tamén a súa “colaboración coas principais asociacións do sector”, como a Academia Galega do Audiovisual, programando o Ciclo Mestre Mateo para levar a proxección das cintas recoñecidas nos grandes premios do audiovisual galego a concellos que non contan con salas comerciais e promovendo co resto de deputacións galegas os Premios María Luz Morales de investigación sobre o audiovisual en lingua galega a través de ensaios e videoensaios. A Deputación colabora tamén con AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes), elaborando un programa de obradoiros escolares que amosan á rapazada a realidade da súa profesión, O oficio de producir. Ademais, da man de CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización) celebráronse dúas edicións do programa Conecta Lab, un laboratorio para creadores audiovisuais con formato de residencias e xornadas de networking entre profesionais do sector e novos creadores.

