
Atari anunciou unha nova colaboración con Activision que permitirá recuperar 39 dos seus xogos clásicos en cartuchos físicos e totalmente funcionais para Atari 2600. O proxecto, bautizado como Atari x Activision Collection, supón o reencontro entre ambas as compañías case 50 anos despois.
A colección incluirá títulos tan coñecidos como Pitfall!, River Raid ou Kaboom!, que volverán estar dispoñibles en cartuchos compatibles tanto coas consolas Atari 2600+ e Atari 7800+ como co hardware orixinal das Atari 2600 e 7800.
Os primeiros 12 xogos chegarán a partir de novembro en edición estándar, cun prezo de 30,95 euros. Cada unidade incluirá o cartucho, unha caixa completa e un manual impreso a cor inspirado nas edicións orixinais. A selección estará formada por Pitfall!, River Raid, Megamania, Enduro, Kaboom!, H.E.R.O., Pressure Cooker, Private Eye, River Raid II, Keystone Kapers, The Activision Decathlon e Pitfall II: Lost Caverns. Estes dous últimos, con todo, chegarán nunha data posterior ao resto.

A colección completa estará dividida en catro caixas denominadas Treasure, Speed, Secrets e Victory. A primeira estará dispoñible a finais de novembro e as outras tres chegarán ao longo dos tres primeiros trimestres de 2027. Cada caixa terá un prezo de 217,95 euros e poderá reservarse a través da tenda de Atari.

Tamén será posible adquirir unha edición coa colección completa de 39 xogos por 869,95 euros. Esta versión incluirá como agasallo 12 tarxetas coleccionables de metal (así como un parche e un pin de cada xogo).
«En 1979, un grupo de programadores de Atari propúxose demostrar que os grandes xogos podían proceder de creadores independentes e acabou cambiando a industria para sempre», explicou Matt Burnett, vicepresidente de hardware de Atari. «A Atari x Activision Collection trae ese legado ao presente a través dos propios xogos, ofrecendo aos afeccionados a oportunidade de experimentar, coleccionar e preservar o traballo dos desenvolvedores que axudaron a establecer un novo modelo para a industria dos videoxogos».
A iniciativa de Atari e Activision recupera un formato estreitamente ligado aos primeiros anos da industria, con cartuchos deseñados para funcionar tamén nas consolas orixinais.
A colección ten ademais un significado especial pola historia de Activision. A compañía foi fundada en 1979 por antigos empregados de Atari e converteuse na primeira editora independente de videoxogos para consolas, contribuíndo a cambiar o modelo de desenvolvemento e publicación da industria.

