
Xiaomi pon á venda en España os novos Redmi 17, Redmi 17 5G e Redmi 17C 5G, actualizando a gama de entrada da marca con melloras en batería, pantalla e procesadores. O Redmi 17 sería o modelo máis básico, mentres que as dúas variantes 5G introducen cambios orientados a quen precisa máis velocidade de rede ou un rendemento superior.
Por desgraza, todos os modelos reflicten a actual conxuntura de escaseza de memoria, que leva a que, pese a estarmos ante dispositivos moi discretos, os seus prezos están bastante por enriba do que estamos afeitos para móbiles de entrada.
Redmi 17, o modelo básico

O Redmi 17 chega ao mercado cun prezo desde 219,99 euros. Incorpora unha pantalla de 6,9 polgadas con protección Corning Gorilla Glass 7i e frecuencia de actualización de ata 120 Hz, pensada para unha experiencia fluída en lectura, vídeo e xogos. A batería é un dos seus puntos fortes: 7.500 mAh, con autonomía de ata 91 horas de reprodución de música e carga turbo de 45 watts, capaz de ofrecer enerxía para todo o día en só 35 minutos de carga parcial.

No apartado fotográfico, integra unha cámara principal de 50 Mpíxeles con IA e funcións como vídeo dual, modo retrato e modo nocturno. O procesador é o MediaTek Helio G91‑Ultra, acompañado de 4 GB de RAM ampliables virtualmente ata 8 GB e opcións de almacenamento de 128 ou 256 GB, con soporte para microSD de ata 2 TB. O dispositivo chega con HyperOS 3 e promete manter unha experiencia fluída durante 36 meses grazas ás optimizacións de software de Xiaomi .
Redmi 17 5G, con procesador Snapdragon

O Redmi 17 5G sitúase un chanzo por riba en prezo, desde 259,99 €, e destaca pola incorporación do procesador Snapdragon 4 Gen 5, fabricado en 4 nm, que habilita conectividade 5G e mellora o rendemento en multitarefa e eficiencia enerxética. A batería mantén os 7.500 mAh, pero a autonomía en reprodución de música ascende ata as 109 horas segundo os datos internos da compañía.

A pantalla conserva as 6,9 polgadas e a frecuencia de ata 120 Hz, e o sistema de cámara continúa encabezado por un sensor principal de 50 Mpíxeles. A experiencia de software está optimizada para manterse estable durante 48 meses, un ano máis que no Redmi 17 estándar.
Redmi 17C 5G, alternativa 5G máis económica

O Redmi 17C 5G, cun prezo de 239,99 €, introduce cambios máis marcados. A batería baixa aos 6.000 mAh, aínda que ofrece cifras de autonomía moi elevadas, como máis de 105 horas de reprodución de música, e admite carga rápida de 33 watts. O procesador é o MediaTek Dimensity 6300, fabricado en 6 nm, orientado a un rendemento sólido dentro dun segmento máis económico.

O deseño é máis lixeiro, con 211 gramos de peso fronte aos 232 gramos dos outros modelos, e a configuración de memoria parte de 4 GB + 64 GB, con ampliación de RAM ata 8 GB e almacenamento ampliable ata 1 TB. A cámara principal mantén os 50 Mpíxeles, pero perde algunhas funcións avanzadas presentes nas outras variantes.

