
Xiaomi presentou a nova serie Redmi Note 17, formada por catro modelos e encabezada polo Redmi Note 17 Pro Max 5G, o primeiro dispositivo da familia que incorpora a denominación Pro Max. A nova xeración aposta especialmente pola autonomía, a resistencia e a durabilidade, con baterías de ata 10.000 mAh, carga rápida de 100 watts e ata seis anos de actualizacións de seguridade.

O Redmi Note 17 Pro Max 5G incorpora a maior batería utilizada ata agora nun smartphone de Xiaomi, con 10.000 mAh e un 16 % de contido de silicio (aínda que cómpre advertir de que nalgúns mercados empregará unha batería de 9.210 mAh). En ambos os casos conta con carga HyperCharge de 100 watts e carga inversa de ata 27 watts. Xiaomi asegura que pode proporcionar ata tres días de autonomía e que 20 minutos de carga son suficientes para alcanzar un día de uso, segundo as súas probas internas.
O Redmi Note 17 Pro 5G tamén aposta por unha batería de grandes dimensións, con 8.340 mAh e carga de 67 watts, mentres que os Redmi Note 17 5G e Redmi Note 17 incorporan baterías de 7.700 mAh e carga de 45 watts. Todos os modelos utilizan baterías de silicio-carbono e contan cun sistema de xestión enerxética destinado a prolongar a súa vida útil.
O lanzamento coincide ademais cun fito para a gama, que xa superou os 500 millóns de unidades enviadas en todo o mundo desde a súa creación. A nova xeración mantén a filosofía de ofrecer prestacións avanzadas no segmento de gama media, cunha maior atención á resistencia durante anos de uso.

As probas realizadas nos laboratorios de Xiaomi indican que as baterías conservan polo menos o 80 % da súa capacidade orixinal despois de 1.600 ciclos completos de carga, equivalentes a máis de seis anos de uso en determinadas condicións de proba. Os dous modelos Pro dispoñen ademais da certificación TÜV SÜD 5-Star Titan Quality, que avalía a resistencia ás caídas, a protección fronte á auga e o comportamento da batería.

O Redmi Note 17 Pro Max 5G e o Redmi Note 17 Pro 5G incorporan unha estrutura reforzada e certificacións IP66, IP68, IP69 e IP69K. Ambos superaron unha proba de inmersión de dous metros durante 72 horas baixo condicións de laboratorio. Tamén soportan, segundo a certificación de SGS, caídas desde ata tres metros sobre granito. A protección inclúe Gorilla Glass Victus 2 e unha arquitectura interna reforzada para reducir o impacto sobre os compoñentes.

Os dous modelos Pro tamén introducen o modo subacuático para a cámara. A función estará dispoñible mediante unha actualización e está limitada a auga doce, cunha profundidade máxima de dous metros durante 30 minutos, polo que non amplía por si mesma a resistencia física do dispositivo.
A familia adopta un novo deseño con módulo de cámaras renovado, pantalla plana, esquinas redondeadas e traseira con dobre acabado. O Redmi Note 17 Pro Max 5G contará coa cor Cloud Blush, cuxa traseira cambia do branco a un ton rosa alaranxado cando recibe luz ultravioleta. O Redmi Note 17 Pro 5G ofrecerase tamén en Satin Orange e Sky Blue.
As pantallas AMOLED dos modelos Pro teñen 6,83 polgadas, resolución 1,5K, frecuencia de actualización de ata 120 Hz e brillo máximo de 3.500 nits. Incorporan profundidade de cor de 12 bits, protección Gorilla Glass Victus 2 e unha taxa de resposta táctil instantánea de ata 3.200 Hz, que debe activarse no modo Game Turbo. O Pro Max engade compatibilidade con HDR10+ e Dolby Vision.

Os Redmi Note 17 e Redmi Note 17 5G empregan paneis AMOLED de 6,99 polgadas con resolución de 2.396 × 1.080 píxeles, 120 Hz de frecuencia de actualización e brillo máximo de 1.800 nits.
O modelo máis avanzado utiliza o Snapdragon 6 Gen 5, acompañado de memoria LPDDR5X e almacenamento UFS 4.1 nas configuracións de 256 e 512 GB. O Redmi Note 17 Pro 5G emprega o Snapdragon 6s Gen 4, con ata 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento.
A fotografía está encabezada por unha cámara principal de 50 megapíxeles con estabilización óptica nos dous modelos Pro. O Redmi Note 17 Pro Max 5G emprega unha óptica f/1.5 e un sensor frontal de 32 megapíxeles, mentres que o Redmi Note 17 Pro 5G incorpora unha cámara principal f/1.8 e unha frontal de 16 megapíxeles. Ambos engaden unha cámara ultraangular de 8 megapíxeles.
O Pro Max permite gravación de vídeo 4K a 30 fotogramas por segundo e incorpora ferramentas como Professional Video e Live Moment. As funcións de intelixencia artificial inclúen eliminación de reflexos, borrado de elementos, mellora da imaxe e embelecemento. O modelo máis avanzado tamén ofrece Xiaomi HyperAI con ferramentas de escritura, interpretación, fondos dinámicos e recoñecemento de voz.
Os catro modelos chegarán con Xiaomi HyperOS 3. O Redmi Note 17 e o Redmi Note 17 5G parten de 249 e 299 dólares, respectivamente. O Redmi Note 17 Pro 5G terá un prezo inicial de 399 dólares, mentres que o Redmi Note 17 Pro Max 5G partirá de 499 dólares. Estes prezos son os de referencia internacional, descoñecéndose polo momento os prezos que terán en euros.

